Silleda, 3 de Febreiro de 2016. O Concello de Silleda ven de aprobar as bases para a organización do I Concurso de Cómic “Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao”, unha iniciativa da Concellería de Educación que premiará os deseños de cómics que traballen o tema do arte, historia, música e tradicións de trasdeza.
Este concurso vai dirixido a grupos, dun máximo de 5 persoas, alumnas e alumnos dos centros de ensino do Concello de Silleda, tanto de educación infantil, como de primaria e secundaria.
As obras presentadas deberán ser orixinais, en formato A3 dobrado pola metade para obter catro páxinas, en branco e negro ou a cor, realizadas con técnica libre, e en lingua galega.
Os traballos presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda ata o próximo 8 de abril.
Logo de seren expostos na Casa de Cultura de Silleda, así como nas páxinas web do concello, serán valorados polo xurado, e procederase á
concesión dos premios, gratificando ó mellor cómic con 100€ en metálico e entradas para o parque acuático de Aquapark de Cerceda para todos os membros do grupo, 50€ e un lote de material escolar para o mellor guión, e outros 50€ e un lote de cómics para a mellor ilustración, nas categorías de educación infantil, educación primaria, e educación secundaria.
Os premios en metálico poderán ser destinados á axuda do financiamento das excursións dos centros de ensino, ou se non se organizasen, cada centro poderá destinar o premio ás actividades que estimen.
“É unha maneira divertida de inculcar ós nenos o aprecio pola cultura e as tradicións do seu pobo”, indicou a concelleira de Educación, Pili Peón.
No documento adxunto pódense consultar as bases do concurso.