O Concello de Silleda promove unha iniciativa pioneira para dinamizar o comercio local

Silleda, 21 de febreiro de 2013. O Concello de Silleda, a través da Concellería de Industria e Comercio, promove a campaña Silleda 10, unha iniciativa pioneira para dinamizar o comercio local. Xogando co número 10, símbolo da calidade, o programa estrearase entre os días 14 e 23 de marzo próximos. Serán 10 días de produtos 10, a prezos 10.

En total participan 54 establecementos, de sectores moi diversos, dende comercios de moda e complementos, electrodomésticos, mobles ou xoiarías pasando por alimentación, zapaterías, ou negocios relacionados coa saúde e o benestar, librerías ou florerías.

O programa municipal, co que se busca dinamizar a economía local foi presentado hoxe nun acto presidido pola alcaldesa, Paula Fernández Pena, e ao que tamén asistiron o concelleiro de Comercio, Klaus Brey e unha nutrida representación  do comercio local silledense.

Ademais de comercios, tamén se sumaron establecementos de turismo rural e restaurantes, que ofertarán promocións e descontos durante esta campaña. “Tamén trataremos de que os bares e cafeterías fagan algún tipo de promoción durante estas datas”, sinalou a alcaldesa.

Entre os días 14 e 22 de marzo todos os establecementos participantes, de Silleda e A Bandeira, contarán cun espazo adicado ao programa, con productos 10, a prezos 10.Todos os participantes terán nestes días “ofertas 10 como reclamo para atraer ao maior número posible de clientes”, engadiu.

Venda na rúa de dez a dez e sorteos

O décimo e último día, o sábado 23, celebrarase unha xornada de venda na rúa Cartaxena, onde os establecementos ofertarán os seus produtos estrela. Con esta cita tamén se busca recuperar as tradicionais feiras de Silleda que se celebraban antigamente os días 6 e 23 de cada mes. “Entre as datas que barallamos, e que propuxemos aos comerciantes para que elixiran a máis convinte, sempre se estableceu que a campaña rematase un día 6 ou 23 para comezar a recuperar precisamente as feiras tradicionais”, engade a alcaldesa, Paula Fernández Pena. Durante esta xornada de venda na rúa tamén está previsto realizar outras actividades de animación así coma os  sorteos da campaña (un a cada hora e 10), ou degustación de produtos coma o lacón ou a empanada, “que son xa produtos 10 de Silleda”. Esta xornada de venda será de 10 da mañá a 10 da noite.

 

Calidade 10, a premisa

Unha das liñas maestras desta iniciativa, pioneira en Galicia, pasa por ofrecer produtos con calidade e garantía. “Non é unha feira de saldos, nin un outlet”, remarca Paula Fernández, “senon unha proposta novidosa para incentivar as compras”.

Dende a Concellería de Comercio, que promove a iniciativa asumiuse a campaña de márquetin de Silleda 10, coa edición de 5.000 trípticos, carteis e bolsas co logo desta iniciativa, que aspira a repetirse en anos vindeiros. Do mesmo xeito nos vindeiros días o Concello de Silleda comezará a utilizar nas comunicacións oficiais papel que inclúa o logo desta iniciativa.

Nesta mesma liña, a alcaldesa tamén explicou que está previsto usar o Silleda 10 como “imaxe de marca do noso municipio”, para o que se fará unha proposta a distintas empresas de cara a que inclúan o logo de Silleda 10 a modo de etiqueta. “En Silleda temos produtos locais que son merecedores de ter un selo de calidade propio”, sinala a rexedora.

Escenografía en Turexpo e páxina web

A promoción deste evento comezará xa mañá no certame Turexpo, que se celebra no recinto feiral da Semana Verde. Así, no stand do Concello de Silleda farase promoción do Silleda 10, programa co que se espera atraer a numeroso público en Silleda. Neste certame o programa contará, a proposición dos propios comerciantes, cunha escenografía na que se amosarán algúns dos produtos 10 da campaña silledense.

Ademais o programa tamén conta cun espazo web propio (www.silleda10.com), feito polo propio sector,  na que se irán colgando día a día as ofertas 10 de cada un dos establecementos participantes.

Tanto Paula Fernández como Klaus Brey agradecen “a gran implicación e a colaboración dos establecementos participantes”, así como da asociación ECOS para a posta en marcha dun programa que se converte na estrela das accións no ámbito do comercio, e na que se creou unha comisión organizadora na que os establecementos se agruparon por sectores.