O Concello de Silleda promove unha nova recollida de plásticos agrícolas no rural

Silleda, 15 de setembro de 2016.  O Concello de Silleda, a través dos departamentos municipais de Medio Ambiente e Medio Rural, que dirixen respectivamente Klaus Brey e Jesús Taboada, pon en marcha unha nova fase da campaña de recollida de plásticos agrícolas. Logo da primeira fase levada a cabo o pasado mes de abril, cun total de 92 avisos, esta nova actuación terá lugar o vindeiro mes de outubro, previsiblemente durante a terceira semana.

“Nos próximos días comunicaremos o prazo que se establecerá para recoller os avisos dos veciños”, apunta Klaus Brey. Unha vez ordenada a relación de solicitudes, establecerase xa o calendario para proceder á recollida en distintos puntos do rural.

Dende o departamento municipal de Medio Rural, que dirixe Jesús Taboaba, lémbrase aos agricultores e gandeiros que deben de dobrar e empacar os plásticos da mellor maneira posible. Así mesmo, os plásticos deberá de ter a menor suciedade posible, procedente de terra, herba ou materia orgánica, e evitar que conteñan outras materias impropias.

 

Más de 77.000 kilos na primeira campaña

 Na primeira fase desta oitava campaña, a  empresa encargada de realizar o servizo recolleu no termo municipal de Silleda algo máis de 77.000 kilos de plásticos, o que supón todo un éxito. 

O programa de recollida selectiva de plásticos agrícolas de silos e invernadoiros porta a porta comezou en Silleda hai xa oito anos, ( en febreiro do ano  2008), obténdose uns resultados excelentes, a xulgar tanto polas solicitudes trasladadas coma pola cantidade recollida finalmente.

Esta foi unha medida de grande acollida veciñal, evitando a acumulación duns plásticos que abandonados na terra, tardan 500 anos en degradarse.  Ao mesmo tempo que se evita o impacto visual, hai que ter en conta que este plástico é totalmente aproveitable para os mesmos usos.

A Concellería de Medio Ambiente agradece a grande colaboración dos usuarios con este servizo.

Depósitos no punto limpo

Por outro lado, dende o Concello de Silleda lémbrase aos usuarios que durante o resto do ano -fóra das campañas de recollida no rural-, os plásticos –ao igual que outros residuos e enseres- deben de ser depositados no punto limpo de Silleda (en Margaride), un servizo tamén gratuito que está aberto ao público os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas.