O Concello de Silleda saca a concurso o Servizo Lúdico Educativo, con axustes á vista da demanda real

Silleda, 16  de agosto de 2013. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica hoxe  o anuncio de licitación o Servizo Lúdico Educativo de apertura de centros escolares públicos fóra do horario lectivo, que se tramita de forma urxente e por procedemento aberto.

As empresas interesadas en optar á xestión deste servizo, dirixido a escolares de 3 a 12 anos de idade, dispoñen de 8 días naturais contados a partir de mañá (ata o sábado 24 de agosto) para presentar as súas ofertas.

O servizo ofertarase coma sempre durante o curso escolar e tamén durante as vacacións de Nadal e verán.

O procedemento está aberto a todas aquelas empresas interesadas e que cumpran cos requisitos que esixen as bases, que poden consultarse no Concello (en Secretaría Xeral) e tamén na web municipal www.silleda.es (dentro do apartado servizos do perfil do contratante).

 

Reaxuste de prezo , prazas e horarios, á vista da situación real

Dende o departamento municipal de Educación, á vista de que este servizo vén resultando moi deficitario nos últimos anos para as arcas municipais,  realizouse un estudo sobre a media de asistencia e as necesidades reais dos usuarios deste  programa que nace para a conciliación da vida laboral e familiar.

Así, e respecto a anos anteriores redúcese o prezo de licitación, que pasa de 80.000 a  40.000 euros e de forma correlativa o número de prazas ofertadas inicialmente, que se situa en 35.

No curso pasado ofertáronse un total de 90 prazas, pero meses despois só 35 familias estaban facendo uso deste servizo. Aínda así , no caso de que a demanda sexa máis elevada, o servizo ampliarase con tramos de dez prazas.

Tamén de forma proporcional aos axustes fixados, o servizo só se oferta de maneira inicial en horario de 15.00 a 21.00 horas. O actividade Esperta connosco (antes do comezo das clases pola mañá) só contou o curso pasado con dous usuarios. Do mesmo xeito ao explicado anteriormente, de haber demanda volvería a ofertase este servizo pola mañá.

No caso dos campamentos  de Nadal e Verán, tamén se constatou que a demanda maioritaria é na queda de mañá, de 09.00 a 14.00 horas, polo que en principio só se ofertaría nesta franxa.

 

Inscricións e lista de agarda

O prazo para preinscribirse comeza xa a vindeira semana. Farase unha lista por rigorosa orde de entrada  no rexistro xeral do Concello. A partir de ahí, estableceríase, no caso de cubrir as 35 prazas, unha lista de agarda.

Dende o departamento de Educación, que asumirá Pilar Peón, advírtese que era necesario realizar estes axustes para poder seguir mantendo este servizo que sí precisan realmente algunhas familias de Silleda. As actividades realizaranse no CEIP de Silleda e no caso da Bandeira, ao igual que en anos anteriores, só se realizará se hai demanda suficiente.

 

A apertura de plicas das ofertas terá lugar o cuarto día hábil logo de rematar o prazo de presentación (é dicir , o 29 de agosto). Entre os criterios de adxidicación que recollen os pregos figuran, ademais do programa lúdico educativo, cuestións coma o prezo do contrato, ou disposición de maior número de monitores/as.

Segundo os pregos, o adxudicatario deberá dispoñer cando menos de dúas persoas (unha pode ser o mesmo empresario) unha coa titulación de licenciado ou graduado en pedagoxía, psicopedagoxía, ou psicoloxía; ou graduado ou diplomado en maxisterio  ou educación social e otra deberá ser un monitor de Ocio e Tempo Libre con título expedido ou homologado pola Xunta de Galicia. O contrato terá unha duración dun ano.