Silleda, 22 de xaneiro de 2014. O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Ambiente, que dirixe Luis Rodríguez, lémbralle aos gandeiros e agricultores do municipio que o servizo de recollida de plásticos agrícolas de silos e invernadoiros continúa con carácter permanente. Así, Rodríguez explica que todas aquelas persoas que queiran solicitar a retirada destes materiais, de forma totalmente gratuita, deben de chamar ao Concello, ao 986 580000, en horario de 08.00 a 15.00 horas, indicando nome, enderezo, teléfono e ubicación dos materiais.
A empresa que realiza a recollida acude cunha periodicidade mensual ao municipio, de xeito que unha vez ordenada a relación de solicitudes se fará a recollida por zonas. Cómo vén sendo habitual os solicitantes serán avisados telefónicamente o día anterior á recollida.
Do mesmo xeito lémbrase que só se admitirán plásticos, e non materiais como tubos de PVC, garrafas, sacos big, bag, etc.
Deste xeito, facilítase ao sector un servizo que ata o pasado ano se viña realizando puntualmente con unha ou dúas campañas anuais.
A recollida pasou a estabilizarse durante todo o ano en abril de 2013, mellorando un servizo polo que no pasado exercicio se retiraron máis de 70 toneladas.
Neumáticos e cartón
Do mesmo xeito, tamén se mantén con carácter permanente a recollida de neumáticos para as explotacións gandeiras. Neste caso os usuarios deberán de pagar pola reciclaxe das rodas ( 1,30 euros unidade por rodas de turismo, 2,10 euros polas de furgonetas e 7,25 euros polas de camións ou tractores). Do mesmo xeito, os usuarios poderán aproveitar, sen custe algún para pedir a retirada de papel de sacos, revistas e cartón. Para solicitar este servizo tamén hai que dar aviso no Concello.
“Ademais de facilitar a recollida aos usuarios con esta iniciativa evitamos tamén que estes residuos se vaian acumulando e garantízase un tratamento axeitado destes residuos”, indica o concelleiro de Medio Ambiente.
Nesta semana, a empresa xestora de residuos, Secope, realizou a recollida de plásticos en 5 parroquias do municipio.