Silleda, 20 de novembro de 2015. O alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña, deu a coñecer hoxe o proxecto dos orzamentos municipais de Silleda para o vindeiro ano 2016, que se someterán á aprobación inicial do Pleno na sesión ordinaria do vindeiro xoves.
O montante global das contas é de 6.963.169,22 euros, unha cifra que supón un incremento de medio millón de euros con respecto ao orzamento do presente exercicio.
“Volvemos a presentar un documento histórico, tanto polo seu contido como pola antelación na que someterá a aprobación”, sinala o alcalde.
No documento, ao igual que acontecerá co deste ano 2015, volve destacar o capítulo de inversións reais cunha partida total de 1.416.000 euros. “É unha inversión récord para Silleda”, indica o alcalde, explicando que se consegue mellorar a histórica cifra de 2015, con case 400.000 euros máis en inversión.
Como xa se avanzara hai unhas semanas, a construcción do Centro de Día Residencial encabeza o listado de actuacións. Aos 250.000 euros reservados xa este ano para iniciar o proxecto (e que están sen executar) , súmanse no orzamento de 2016 outros 450.000 euros. Nesta última figuran 250.000 euros de fondos propios e os 200.000 euros donados no seu día por D. Avelino Ramos para construir este centro.
“O vindeiro ano comezará por fin a construcción dun centro tan ansiado como necesario, unha actuación que será a gran aposta do goberno nesta lexislatura”, sinalou o rexedor.
Ás partidas xa consignadas en 2015 e 2016 sumarase no 2017 outra cuantía con fondos propios de 300.000 euros, co que en total se destinará ao Centro de Día Residencial que se construirá xunto ao recinto feiral de Silleda 1 millón de euros.
A día de hoxe o executivo silledense ten pendente de elixir o anteproxecto de construcción do edificio, logo de que 7 arquitectos locais presentaran xa a súa proposta.
“En canto decidamos o deseño, -previsiblemente na vindeira semana- abrirase o concurso público para que o Centro de Día Residencial de Silleda comece a ser unha realidade”, engade Cuiña.
Os orzamentos do Benestar e da Igualdade
“Se por algo se significan estos orzamentos é por ser os do Benestar e a Igualdade, xa que se destina unha cifra histórica neste municipais para políticas sociais, con preto de 1,2 millóns de euros”, insiste o alcalde. Así, a parte do Centro de Día Residencial, tamén se aumenta a partida de Emerxencia Social (que pasa de 10.000 a 30.000 euros) e se crea unha nova para políticas de Igualdade, atención a enfermos de Alzhéimer e prevención de drogodependencia, con 46.500 euros.
Tamén aumenta ata os 10.000 euros a partida de becas do transporte e axuda a compra de libros e se crea outra nova para apoio ás clases de preparación da ESO.
Novas infraestruturas e melloras viarias
A segunda partida con maior contía é a de melloras en vías municipais, cun total de 300.000 euros. “Continuaremos facendo un esforzo por mellorar a nosa extensa rede viaria, actuando naquelas pistas que máis o precisen”, apunta.
A aposta pola creación de novas infraestruturas tamén figura no capítulo de inversión. Así resérvanse 150.000 euros para a dotación de beirarrúas dende a avenida da Estación ata as pistas de pádel de O Castro, unha obra que incluirá tamén a dotación dun carril bici, “outra das inversións que asumiremos visto que a Xunta, titular desta vía, non se fai cargo e que son moi necesarias para garantir a seguridade ”, engade lembrando que se trata dunha actuación “moi demandada polos veciños de Silleda”.
Así mesmo, entre as inversións previstas figura tamén a urbanización dunha rúa na Bandeira, -aínda sen decicir e que se designará xunto cos veciños e tamén en función da dispoñibilidade de terreos-para a que se destinarán outros 150.000 euros. Cuiña avanzou que se están a barallar varias posibilidades
Os orzamentos municipais tamén reservan outra partida de 100.000 euros para obras de abastecemento de augas, “outras das actuacións máis necesarias para os nosos veciños e veciñas do rural”, engade Cuiña, lembrando que nos últimos anos xa se extendeu a rede municipal de Silleda e da Bandeira as parroquias máis cercanas.
Para o vindeiro ano tamén se continuarán mellorando servizos coma o alumeado público, cunha inversión de 110.000 euros, con proxectos de mellora de eficiencia enerxética.
Mellora no entorno da Fervenza de Pazos
No listado de inversións figura tamén a mellora de camiños, sinalización e a dotación dun aparcamento no entorno da Fervenza do Toxa, na parroquia de Pazos “un dos enclaves máis visitados da comarca do Deza e que queremos continuar poñendo en valor”, engade o alcalde.
A adquisión dunha máquina barredora (20.000 euros) e dun furgón para o equipo de Obras (10.000 euros) son outras das actuacións. Tamén se reserva unha partida de 50.000 euros para a reforma de edificios municipais. Neste senso explicou que se trata dunha partida para o “posible inicio do cambio de sede do consistorio á Casa da Cultura”. O alcalde, que estivo acompañado polas concelleiras Pili Peón e Ana Luisa González, explicou que acudirá a “todas as parroquias para pulsar a opinión dos cidadáns que votarán en urna se queren ou non o cambio. Pensamos que a final da primavera estará decidido se se cambia ou non o concello, e con estes cartos teriamos xa unha partida para facer as primeiras reformas”, engade.
Fondo de continxencias: con 80.000 euros e aumento de subvencións
Os orzamentos volven contemplar o chamado fondo de continxencias, para financiar actividades que poidan xurdir durante o exercicio ou para cubrir desfases orzamentarios. “Volver a contar con esta partida é un síntoma da boa situación económica deste Concello”, engade o alcalde.
Tal e como se avanzara en datas anteriores, tamén se incrementa a partida do Plan de Axuda Municipal a Emprendedores/as, con 25.000 euros “cantidade que poderá aumentar en función da demanda, e ogallá que así sexa”, indica Cuiña.
Do mesmo xeito, aumentan tamén as subvencións para actividades culturais (pasan de 39.000 a 450.000 euros) e entidades deportivas (de 24.000 a 30.000 euros).Cuiña amosou o compromiso do goberno municipal de ir aumentando as partidas nas vindeiras anualidades.
Ingresos
No tocante aos ingresos previstos, volve a aplicarse a filosofía da prudencia e o rigor económico, sobre todo tendo en conta a antelación coa que se presenta o documento. Así en impostos directos (IBI, IVTM, IAE e BICES) está previsto recadar un total de 1,7 millóns de euros, cantidade moi similar a de 2015.
Por impostos indirectos (ICIO) prevese unha cantidade similar á deste ano, con 60.000 euros. Non se aumentan os impostos nin prezos públicos, e só hai un lixeiro incremento no IBI en base á previsión pola recente revisión catastral.
En canto ás Taxas e Prezos Públicos prevénse recaudar algo máis de 1,4 millóns. Nesta partida figuran as taxas por abastecemento de auga (417.000 euros) , recollida de lixo (444.000 euros) , ou as previsións de ingresos pola ocupación do dominio público das grandes empresas, que se incrementan ata os 112.000 euros, “unha cantidade que vimos aumentando nos últimos anos”.
Polas transferencias correntes (cantidades de outras Administracións) consígnase unha cantidade similar a deste ano, con 2,7 millóns de euros (incluíndo tamén a Participación nos Tributos do Estado, con 1, 7 millóns).
Partida de Gastos
No tocante aos gastos, o capítulo de Persoal increméntase ao contemplarse o incremento salarial do 1% fixado pola Administración do Estado e o abono do 50% que falta por ingresar da paga de Nadal de 2012 á plantilla municipal. A partida sitúase en 2.015.015 euros.
Os gastos correntes e de servizos tamén se manteñen na mesma liña do pasado ano, con 2,9 millóns de euros. Nesta partida figuran gatos coma a recollida de lixo –que se saca de novo a concurso con importantes melloras-, gastos de electricidade, Servizo de Axuda no Fogar , combustibles, mantemento de todos os centros municipais….
Máis partida en mantemento de infaestruturas
O alcalde destaca tamén o aumento de dúas partidas ordinarias, neste caso de mantemento de infraestruturas. Así destínanse 120.000 euros para reparacións de vías no rural (en 2014 eran 80.000 euros) e outros 120.000 para a reparación de infraestruturas en zonas urbanas, cantidades que se suman ás novas inversións previstas.
Rebaixa dos tipos de interese de créditos antigos
As contas municipais de Silleda reflexan tamén a reducción dos gastos financieiros, logo da baixada dos intereses de dous créditos antigos (do ano 2005) que foran contratados por gobernos anteriores con Abanca e o BBVA, cun aforro de máis de 100.000 euros. Así o capítulo de gastos financieiros pasa de 192.000 a 65.000 euros. Ao longo do 2016 amortizaranse préstamos por importe de 262.000 euros.
A débeda a longo e medio prazo situarase a final de ano en algo máis de 3 millóns de euros, “o que supón o 47 por cento do orzamento, lonxe do 200% que supoñía a débeda municipal no ano 2007”.
Sentenzas xudiciais
Pese a que nos últimos anos o goberno municipal conseguiu liquidar “a triste herencia das demandas por impago”, nas contas de 2016 figuran aínda dous casos pendentes: a débeda con Indeza e a sentenza pola expropiación na rúa Emilio Alonso Paz, con cantidades que se corresponden aos intereses das débedas antigas.
Nos orzamentos de 2016 vincúlase a débeda que o Concello ten con Indeza (528.835 euros) coa cantidade que lle adeuda a Explotación Mineira de Campomarzo ás arcas municipais (526.759 euros) polo uso do vertedoiro de escombros.
“A día de hoxe, este asunto é o máis complicado para o Concello, pola contía da débeda e polas complicacións legais”, apunta o alcalde, que defende a posibilidade dun acordo de compensación das débedas. “Supoñemos que o tema seguirá nos tribunais , onde presentamos un plan de pago a 4 anos, pero agardamos poder chegar a un acordo”, indica.
Así nos orzamentos, contando coa posibilidade de pagar nun prazo de 4 anos, se consignan 132.000 euros, aínda que coa vinculación feita se estima a mesma cantidade a ingresar polo canon do vertedoiro.
A esta cantidade súmanse outros 20.000 euros para pagar este ano os intereses que faltan da sentenza de expropiación na rúa Alonso Paz (pagaránse 60.000 euros en tres anualidades).
Así, e aínda que haberá que agardar ao primeiro trimestre do ano para ver a liquidación de 2015, Cuiña lembra que nos últimos anos “pasamos de ter un remanente de tesourería negativo a ter superávit nas contas, e o que é máis importante: a poder realizar importantísimas inversións coma a da residencia con fondos propios, algo que era impensable anos atrás”, engade.
“Se xa en 2015 iniciamos a senda da recuperación cos orzamentos, pode decirse que é agora cando podemos comezar a facer política”, dixo Cuiña lembrando que nos primeiros anos deste goberno “pouco máis podíamos facer que cadrar gastos e ingresos por culpa das débedas”.
Agradecemento a Deputación
Cuiña avanzou que nos orzamentos xa se poden contabilizar os fondos da Deputación que virán para o Concello de Silleda ao longo do ano 2016. O importe confirmado é de 630.216 euros.
“O ano pasado percibimos 449.000 euros, polo que hai unha mellora importante, aos que hai que sumar plans de emprego e outras actuacións”, indicou Cuiña advertindo “o notable cambio na Deputación, onde o goberno fixo un gran esforzo por ter esta previsión. Ese é o camiño”, indicou o alcalde agradecendo a premura co que se deron a coñecer as cifras do Plan de Concellos.
“Temos que agradecer e tamén dar a benvida á democracia nesta institución provincial. Todos os concellos están satisfeitos, incluídos os do PP , por este reparto equitativo”, indicou.
Manuel Cuiña fixo tamén un chamamento ás outras Administracións supramunicipais (Xunta e Estado) “para que fagan o mesmo, sen mirar a cor política dos concellos”, engade.