O Programa de Nadal suma unhas 70 actividades ata o vindeiro 7 de xaneiro

Silleda, 11 de decembro de 2012. O programa de Nadal de Silleda contará ata o vindeiro día 7 de xaneiro con preto de 70 actividades do máis variado, que foron presentadas hoxe polos concelleiros de Cultura e Participación Cidadá, Matías Rodríguez, e de Deportes e Comercio, Klaus Brey.

Trátase dunha oferta multidisciplinar e heterogénea, na que ademais de propostas que son xa clásicas destas datas, incorpora diversas novidades.

O programa ábrese coa XIII Campaña da Árbore, organizada dende o departamento de Comercio e de Medio Ambiente, na que colaboran sete establecementos de Silleda, e baixo o lema “Antes de Cortar pensa en repoblar” e con outras actividades coma o XII Concurso de Escaparates. Klaus Brey explicou que o xurado valorará a orxinalidade, iluminación e a exposición dos produtos.

No ámbito dos Deportes volta o torneo de tenis de mesa (xoves 20 de decemebro) e as exhibicións de kun fu e patinaxe (venres 21), logo da exitosa estrea do ano pasado. Como novidade destaca a celebración dunha tarde de xogos tradicionais (día 22) para pais/nais e nenos/as no pavillón César Fares, ou o triangular de fútbol sala feminino (día 29), na que ademais do equipo local estará o Val do Ulla e o equipo de Cruces.

En canto ás actividades de Xuventude, departamento que dirixe Margarita Campos, hai ata 11 citas no programa, destacando obradoiros nos que se estrearán os de Nadal en 3D (mércores 12) , pais do Nadal móbiles, ou o de bonecos de neve con vasos de plástico (día 18). Non faltarán outras citas xa clásicas coma a pintura con dedos, confección de adornos, ou a visita do Pai Nadal , que chegará o domingo día 23, e a Festa Infantil de Fin de Ano (o venres día 28).

No caso de Benestar, ademais da tradicional xuntanza de maiores (día 22 no restaurante Coteliño) o ensaio de Fin de Ano (o día 30) ou a festa de Aninovo no Centro Social da Bandeira (3 de xaneiro), destaca a confección de postais e múltiples adornos que se realizan nos obradoiros de arte terapéutica.

Campamento, música, cine e teatro

Así mesmo, o campamento de Nadal para os/as cativos/as trasládase este ano á Casa da Cultura. Matías Rodríguez destacou na presentación a colaboración cos colectivos de Silleda, A Bandeira, de Manduas, Parada….na confección do programa.

Entre as novidades destaca a vista do Apalpador, figura tradicional da zona de montaña de Galicia, que estará nas rúas de Silleda o día 24 e na Bandeira o 31, ou actividades coma Mentras agardo leo, proposta que dende a Biblioteca Daniel Castelao levará a lectura aos centros médicos do municipio. Tamén se inclue no programa o Maratón de Cine de Adellís (sábado 15), ou o xantar benéfico para mercar xoguetes que terá lugar o vindeiro día 16.

O cine tampouco falta coa estrea do filme galego O Apóstolo ( o 28 en Silleda e o 3 de xaneiro na Bandeira), nin o teatro, coa xornada do día 21 na Bandeira ou a comedia Os Tres Ladróns (30 en Silleda).

A música, con citas coma o Festival de Nadal da Escola de Música de Silleda, o concerto de Aninovo na Bandeira ou a III Xuntanza de Baile e Música Tradicional, súmanse a propostas coma o festival do 25 aniversario de Xirandola.

 

Premio á mellor decoración e colaboración cos colectivos

Durante a presentación Datorre lembrou que este ano, á vista dos recortes no alumeado se tomou a decisión coherente de non poñer luces de Nadal. Ademais apelouse á colaboración de todos os veciños e veciñas  para adornar as súas casas, edificios, eiras, ventás…. A raíz desta proposta xurdeu a creación dun premio (do colectivo ECOS) á mellor decoración do Nadal, que se fallará o 7 de xaneiro.

Matías Rodríguez agradeceu expresamente o traballo a colectivos coma a Anpa Brincadeira, que fará unha árbore na praza da Feira da Bandeira; a Asociación de Amigos da Empanada, que contribuirá á colocación de arcos simbólicos na Bandeira, a Asociación Vistalegre, e a Olaia en Silleda.

Dende o Concello asumiráse a colocación de adornos só en lugares puntuais e nas dependencias municipais onde haxa actividades.

Tamén se repite a Feira de Reis ( o 6 de xaneiro pola tarde) , con postos de artesáns que terá lugar nunha carpa na Praza da Feira Vella. Alí rematará tamén a Cabalgata de Reis do día 5.

Matías Rodríguez destacou que o programa, pola cantidade e calidade das actividades está ao mesmo nivel que outras vilas e cidades.