Silleda, 15 de febreiro de 2014. O municipio de Silleda contará este ano cunha variada e ampla oferta de actividades de entroido. O cartel foi presentado hoxe na casa da Cultura polos representantes municipais e os das distintas asociacións e colectivos que organizan diversos actos.
A concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos, agradeceu o traballo realizado por estas agrupacións "non só nestas datas senon ao longo de todo o ano, enriquecendo a oferta cultural do noso municipio". Sinalou que se trata dun programa variado, con actividades para veciños/as e visitantes de todas as idades, que se prolongará dende o vindeiro día 22 ata o 8 de marzo.
A concelleira destacou tamén iniciativas coma os menús de entroido, que Silleda comparte cos outros sete concellos que forman parte do grupo entroido da Ulla, posto en marcha para dinamizar o sector hostaleiro. Agradeceu a participación de restaurantes, casas de turismo rural e hostais, que seguen amosando o seu interese por dar a coñecer as súas ofertas especiais de entroido nesta exitosa iniciativa que se está a promocionar na web municipal na de turismo de Silleda, na de xenerais da Ulla e na de turismo Santiago.
O programa arranca o sábado 22 co concerto da Banda Municipal de Silleda no Centro Social dos Maiores e a cita co entroido da Ulla en Lamela. En canto ao recital, organizado pola banda e a Concellería de Participación Cidadá, o presidente da banda, Herminio Gómez Frade, explicou na presentación que o concerto forma parte do proxecto Achegándonos, posto en marcha en 2011 pola formación para achegar a música ao pobo de Silleda. Para esta ocasión o director da banda, Rafa Agulló, fixo un repertorio con arranxos a bases de bailables (salsa, cha cha chá, pasodobles…) nunha cita na que haberá tamén premios aos mellores disfraces (individual e parellas).
En Lamela, a asociación Anxela volve a organizar o desfile de carrozas e comparsas o sábado 22. María José Fernández presentou o cartel no que non falta o tradicional alto dos xenerais, baile e concurso de disfraces, ou a recuperación do alto dos campesinos. Tamén haberá un karaoke infantil. O baile estará amenizado por Disco Móbil Tras2
En canto as actividades municipais propiamente ditas, Margarita Campos reseñou o obradoiro de máscaras que terá lugar o xoves 27 na Casa da Xuventude (17.00 horas) organizado pola Concellería de Mocidade. O venres 28 será unha xornada intensa, que comeza pola mañá na Casa da Cultura co Festival de Entroido do IES Pintor Colmeiro co espectáculo "Contos de defuntos (e outros asuntos)", a cargo da compañía A Tropa de Trapo, na que colabora a Concellería de Cultura.
Ao mediodía celebrarase o Xantar Baile de Entroido par a terceira idade no restaurante Coteliño. A cita será a partir das 14.00 horas organizada pola Concellería de Participación Cidadá. O menú está composto por bacalao ao forno, carne ao caldeiro, filloas, orellas e café, cun prezo de 14 euros para socios/as do Club do Centro social dos maiores, e 15 euros para non socios e veciños doutros municipios. O dúo Punto Zero animará a xornada.
TAmén o venres 28 na Casa da Xuventude haberá unha festa infantil de entroido con merenda de balde, animación e un Galeoke (con cancións, xogos e dinámicas en galego). Para asistir hai que anotarse ata o 25 de febreiro.
Na Bandeira o cartel arranca tamén o venres 28, coa vellada polas rúas da vila acompañada do tractor filloeir. Sairá da praza da feira, con venda de chourizos, filloas e viño. O presidente da Asociación Cultural Xenerais da Bandeira, Brais Cangas, explicou que o programa (que se desgranará noutra presentación a vindeira semana) é moi similar a dos últimos anos, continuando o sábado día 1 co alto infantil, alto dos xenerais, desfile, concurso e baile, "e con máis premios ca nunca".
O sábado 1 de marzo, a cita en Silleda chega da man da Asociación de Veciños Olaia, que organiza unha festa infantil de entroido. A cita será no pavillón municipal de deportes "César González Fares". O presidente de Olaia, Rosendo Estévez, apuntou que ademais de merenda, haberá animación e outras actividades, así como unha chocolatada por xentileza do Restaurante González, ao que agradeceu a súa colaboración.
En Parada, tamén o sábado día 1, a asociación de veciños volve celebrar o entroido no centro social a partir das 22.30 horas. Marbellis Hernández explicou na presentación que ademais do concurso de disfraces con premios en tres categorías (individual, infantil e grupos) tamén haberá baile e chocolatada. A animación será a cargo de DJ Sanse.
O domingo día 2 tócalle o turno a Graba, onde a Asociación Cultural Coto do Castelo, organiza a partir das 11.00 unha vellada con postres típicos de entroido. Martiño Novo, presidente do colectivo explicou que haberá orellas, filloas, flores… e animación musical a cargo dun grupo de gaiteiros, na cita que se ven celebrando nos últimos anos.
O luns de entroido, o 3 de febreiro, a Asociación Cultural Vista Alegre organiza outro dos clásicos do programa: o baile infantil con animación, merenda e chocolate con churros para os presentes, unha cita exitosa que foi presentada por Carmen Vieites, membro da directiva.
O programa de entroido remata o 8 de marzo en Abades, onde a Asociación de Veciños A Costa volve celebrar un xantar no local social con baile de disfraces, como explicou José Manuel Folla, presidente do colectivo.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, pechou a presentación destacando a estrea da declaración de Interese Turístico para o entroido da Ulla, "co que volvemos facer historia". Cuíña tamén resaltou o papel destacado de Silleda dentro do grupo Área de Santiago, "polos seus recursos naturais, patrimoniais, e sobre todo pola xente, con asociacións coma estas que enriquecen a nosa programación cultural", engadiu. "Grazas a vós Silleda está tendo un papel relevante a nivel turístico e cultural", dixo.