Silleda, 23 de xaneiro de 2016. O programa festivo de entroido no municipio de Silleda arranca o vindeiro sábado día 30 coa cita de Lamela. As actividades foron presentadas hoxe no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira por parte dos colectivos organizadores e do alcalde, Manuel Cuiña e a concelleira de Turismo, Ana Luisa González, que agraderon o esforzo das entidades participantes.
O programa vai do 30 ao 13 de febreiro con distintas propostas para todas as idades e o tradicional entroido do Ulla como protagonista.
A parroquia de Lamela será a primeira parada do percorrido o vindeiro sábado día 30. A partir das 17.00 horas comezará o tradicional desfile de carrozas dende Barravaite e no campo da festa terá lugar ás 18.00 horas a batalla dialéctica con Alto dos Xenerais. A continuación actuará o Dúo Punto Zero que volve pola noite xunto con DJ Landra no baile de máscaras. Tamén se poderán degustar filloas, bolos preñados e outros platos típicos do entroido. Ignacio Maril e Alfredo Espiño, explicaron que este ano será a estrea oficial da Asociación de Xenerais de Lamela (Anxela), e que o Alto contará con máis participación. Agradeceron a colaboración do Concello e establecementos da localidade así coma o traballo da organización anterior que iniciou a recuperación desta festa na parroquia.
As actividades continúan o mércores día 3 e o xoves día 4 de febreiro con senllos obradoiros de disfraces e maquillaxe na Casa da Cultura para nenos e nenas de 4 a 12 anos.
O venres día 5 haberá no restaurante Coteliño un xantar con baile de disfraces para os maiores, organizado pola Concellería de Benestar Social. E pola noite na Bandeira comezan as actividades festivas coa apertura da exposición fotográfica “Viva la música y siga”, con imaxes de José Goris que ofrecen unha retrospectiva do entroido na Bandeira (inaugúrase ás 20.00 horas) dende o ano 1987.
Tamén o venres ás 20.30 iniciarase a xa tradicional vellada e o desfile do tractor filloeiro, que partirá dende a praza da Feira pasando pola rúa Ramón de Valenzuela, rúa Xeral e Camilo José Cela. Xes Diéguez e Mateo Gil, da Asociación de Xenerais do Entroido da Bandeira, detallou a cita que será a antesala dos actos centrais a celebrar o sábado día 6 na Bandeira. Haberá filloas gratis e chourizo para os que vaian disfrazados de vellos/as e o tractor venderá estes pratos no seu percorrido.
O sábado día 6 o cartel ábrese pola mañá co desfile de cabezudos pola rúa (ás 12.30) acompañados do grupo musical Con 5 basta, e a partir das 16.00 horas comezará o desfile de entroido dende a praza Vales Mahía.
Ás 17.30 horas inciarase na praza da Feira o Alto dos Xenerais, que volve abrirse cunha sesión infantil, na que participarán nenos e nenas do CEIP Ramón de Valenzuela. En total serán 8 os pequenos que participarán abrindo a batalla que continuarán outros 10 correos, centinelas e xenerais. A cita organizada pola Asociación Xenerais do Entroido da Bandeira remata ás 22.00 horas coa xa clásico baile no pavillón de Deportes e a entrega de galardóns, coa que se repartirán 1.800 euros en premios. A festa estará amenizada por Trio Manhattan, Trío Reflejos e rematará DJ Troula.
Os organizadores agradecen tamén a colaboración dos establecementos e do Concello de Silleda.
Tamén o sábado día 6 de febreiro, a Asociación Olaia organiza en Silleda, no pavillón César González Fares unha festa infantil de entroido, con animación e merenda de balde para os asistentes (17.00 horas).
O luns de entroido (día 8) volta á Bandeira outra das citas clásicas do programa de entroido: a festa infantil organizada por Vista Alegre, tamén con animación e merenda, segundo explicaron a presidenta da Asociación Dolores Sangiao e Carmen Varela.
O programa de entroido en Silleda remata o sábado 13 en Laro, da man da Asociación de Veciños desta parroquia que vén organizando nos últimos anos unha festa para os veciños e veciñas no local social, con baile e merenda (a partir das 17.00 horas). A presidenta da entidade, Alicia Saa explicou que tamén se servirán postres típico da época.
Promoción do Entroido da Ulla
Manuel Cuiña e Ana Luisa González, ademais de agradecer o traballo dos colectivos organizadores destacaron o esforzo institucional que se está a realizar na promoción e difusión do ancestral Entroido do Ulla, declarado de Interese Turístico Galego. O alcalde resaltou a colaboración da Deputación de Pontevedra e a Deputación da Coruña, que editaron material promocional este ano, así como da Axencia Galega de Turismo, e detallou o protocolo conxunto asinado o pasado luns polos 8 municipios das dúas provincias que contan con esta tradición. “As Administracións temos que axudar e colaborar entre todos para que esta festa continúe medrando”, engadiu.
Xenerais da Bandeira no desfile da Feira do Cocido
Así mesmo, o vindeiro domingo 31 os Xenerais da Bandeira representarán ao Entroido da Ulla no desfile da Feira do Cocido de Lalín, cun destacamento composto por 6 xenerais e correos.