O PXOM poderá consultarse dende o vindeiro mércores día 26 nas oficinas de Urbanismo

 

Silleda, 21 de decembro de 2012. Os veciños e veciñas de Silleda poderán consultar os planos do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) a partir do vindeiro mércores día 26 de decembro, nas depedencias municipais de Urbanismo, sitas no nº 3 da rúa Alfonso Trabazo (primeiro andar).

Tal e como anunciara a alcaldesa e concelleira de Urbanismo, Paula Fernández Pena, no pleno do pasado luns no que se aprobou inicialmente o documento, o planeamento poderase consultar antes de que se abra oficialmente o prazo de exposición pública. Este comezará en canto o acordo de aprobación se publique no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra.

Deste xeito, as alegacións que poidan formularse nestes días previos á publicación do anuncio recolleranse igualmente, aínda que se rexistrarán a partir do inicio do prazo oficial. “Queremos que sexa unha exposición modélica e exemplar, e que ninguén quede sen ver o PXOM”, sinala Paula Fernández.

Nos vindeiros días establecerase ademais un calendario para levar o documento ao rural. Como xa anunciara na sesión plenaria, Paula Fernández explica que durante a exposición nas parroquias os veciños e veciñas contarán en todo momento co asesoramento e apoio dos técnicos municipais tanto para atender as súas dúbidas como para redactar as alegacións.

Nas visitas desprazaranse tamén equipos informáticos para formular as alegacións in situ. Así mesmo, o documento tamén se subirá á web, unha vez que esté dilixenciado,  xunto cun formulario a través do que se poderán realizar alegacións.

Do mesmo xeito, e como xa se anunciara tamén, a empresa redactora do plan (Eptisa) está preparando uns folletos explicativos para axudar aos veciños e veciñas a comprender mellor o contido do planeamento.

A exposición ao público farase durante o periodo máximo estabrecido pola normativa, é dicir dous meses, contados a partir da publicación no BOP. “Daremos todas as facilidades posibles á cidanía para que revise e presente as alegacións que estimen oportunas e coas que, como xa dixemos en varias ocasións, esperamos poder mellorar un documento que inclúe os recortes e parámetros fixados pola Xunta de Galicia”, engade Paula Fernández.