O recibo do IBI poderá abonarse en dous prazos cun sistema especial de pago do ORAL

 

Silleda, 15 de abril de 2013. O Concello de Silleda vén de emitir un bando municipal no que se informa aos veciños e veciñas do sistema especial de pago, a través de domicialización bancaria,  habilitado polo ORAL para facilitarles aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias, neste caso para o Imposto de Bens Inmobles (IBI).

Este sistema permite aos propietarios con recibos non inferiores aos 30 euros abonar o pago do imposto en dous prazos (o primeiro pasarase ao cobro o 1 de agosto e o segundo o 1 de outubro).

Para acollerse a este sistema as persoas interesadas deben de cubrir un formulario de solicitudes, ben directamente nas oficinas do ORAL ou nas dependencias do Concello de Silleda. Ademais os interesados deben aportar acreditación da titularidade da conta bancaria, no caso de que non teñan domiciliado o recibo. A data límite para presentar as solicitudes é o vindeiro día 10 de maio.

Cando por causas imputables ao interesado/a non se faga efectivo o importe do primeiro prazo na data de vencemento, este sistema especial de pago será inaplicable de xeito automático. Neste caso, o importe total do imposto poderá abonarse sen recargo algún no periodo voluntario de pago estabrecido para o padrón do IBI.

“Consideramos que a posibilidade de fraccionar o pago en dous prazos é unha  medida positiva para os cidadáns na actual situación económica na que nos atopamos”, sinala a alcaldesa e concelleira de Facenda, Paula Fernández.