O referendum sobre o cambio de ubicación do consistorio será este domingo 4 de xuño

Silleda, 10 de abril de 2017.  A consulta popular sobre o cambio de ubicación do Concello de Silleda xa ten data. Celebrarase o domingo 4 de xuño, segundo anunciou hoxe o alcalde silledense, Manuel Cuiña en rolda de prensa.

Cuiña, que reiterou que a celebración deste referéndum era un “compromiso electoral que incorporamos no noso programa de goberno”, explicou que a xornada do 4 de xuño será similar a de outras eleccións. Así, as mesas serán asistidas por personal municipal, con tres traballadores/as do Concello por cada un dos 13 colexios que se constituirán para esta xornada.

“Os veciños e veciñas irán a votar nas mesas onde o fan habitualmente”, explicou o alcalde, quen avanzou que se elixiu un domingo por ser a xornada na que se prevé maior participación, e que antes de establecer a data se comunicou e consultou co personal municipal para ver a súa dispoñibilidade.

Pese a ter explicado xa a iniciativa nas reunión parroquiais nos últimos meses, o rexedor avanzou que se fará unha campaña informativa sobre o proceso. “Explicaremos máis polo miudo porqué e para qué  propoñemos este cambio, un cambio co que estamos convencidos que os silledenses terán máis e mellores servizos”, indica o alcalde que advirte da necesidade de modernizar a Administración Local.

Sobre o electorado, Cuiña explicou que terán dereito a voto todos os veciños e veciñas maiores de 18 anos (actualizando o censo ata o día da xornada). Tomando como referencia os últimos comicios electorais, en outubro de 2016, estímase que serán sobre 7.000 os veciños e veciñas de Silleda chamandos as urnas o 4-X. As papeletas estarán dispoñibles nas mesas electorais, que abrirán de 09:00 a 20:00 horas.

Unha vez realizado o escrutinio convocarase un Pleno extraordinario para dar conta oficial do reconto. “ E por suposto acataremos o mandato da cidadanía con este referéndum que cremos que  será o primeiro en Galicia con este carácter oficial”, sinalou o rexedor silledense.

Chamamento aos veciños

Cuiña fai  ademais un chamamento aos veciños e veciñas para participar nesta consulta “que será histórica para Silleda e na que queremos contar coa maior participación posible para decidir entre todos algo tan importante como a ubicación da casa de todos os veciños e veciñas”, engade.

A modernización das instalacións municipais e a unificación dos servizos, facilitando os trámites aos usuarios son as principais razóns da proposta que plantexa o goberno. O alcalde advertiu que a día de hoxe hai incluso máis personal municipal traballando fóra que dentro da Casa Consistorial.

Así, na actualidade no Consistorio actual traballan 20 persoas e entre as oficinas de Alfonso Trabazo (onde se ubica Urbanismo, a Policía, Emprego, Augas ou o PIC, entre outros) e as dependencias de Servizos Sociais outros 25.

Antecedentes

A finais do ano 2015 o goberno iniciou os trámites para celebrar este referéndum, tal e como propuxera na campaña das municipais. En xullo de 2016 levouse a proposta a Pleno. Semanas despois dende o Goberno central pediron que se mandara a pregunta exacta da consulta, que se levou ao pleno de setembro de 2016. Logo de que a Xunta enviara a Madrid os informes correspondentes, o pasado 24 de marzo o Consello de Ministros aprobaba a celebración da consulta popular en Silleda, que cumple con todos os requisitos legais establecidos na Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases de Réximen Local.