Silleda, 4 de xuño de 2017. Con un 100% dos votos escrutados a consulta popular celebrada hoxe en Silleda pechase cun total de 1.056 votos a favor do traslado das oficinas municipais –o que representa un 48,5 por cento dos votos emitidos- e un total de 1.004 en contra do traslado (o 46%).
Así mesmo, rexistráronse 88 votos en branco (o 4% ) e 31 nulos. En total participaron nesta consulta 2.179 silledenses, un 27,46 % do total de electores con dereito a voto (7.947).
En canto á participación, a máis alta rexistrouse na mesa de Taboada, cun 38,87%. O SÍ gañou en 11 das 13 mesas electorais que se puxeron a disposición dos votantes durante a xornada.
Ao remate da xornada electoral, Manuel Cuiña, acompañado polo grupo de goberno agradeceu “a todos os veciños e veciñas de Silleda” a súa participación nesta consulta “nunha xornada na que fixemos historia e que se celebrou de xeito exemplar”. “Hoxe gañou a democracia e todos os veciños e veciñas de Silleda que así o quixeron tiveron a oportunidade de decidir sobre o futuro da Casa Consistorial”.
Con este resultado, o alcalde, Manuel Cuiña Fernández, indicou que o grupo de goberno se poñerá a traballar para comezar a buscar a financiación precisa a través doutras Administracións e a encargar a redacción do proxecto, para que Silleda teña unha Casa Consistorial máis moderna, ampla e accesible para todos os silledenses”, engadiu.