Silleda, 11 de marzo de 2014. O Centro de Acollida Temporal situado no edificio central da estación ferroviaria de Ponte Taboada está xa acondicionado. Os operarios municipais remataron en días pasados os traballos de mellora da vivenda, que levaba tempo en desuso, arranxando teitos, paredes… e repoñendo a instalación eléctrica ou a fontanería entre outros.
Unha vez rematadas as labores de acondicionamento da vivenda, que é un dos piares do programa municipal Silleda Solidaria, dende o Concello vense de activar un chamamento para proceder agora á dotación de mobiliario. Así, a través deste programa municipal realizarase o aviso de demanda de camas, sillas, mobles de cociña… para completar a dotación do centro. “Agardamos que tanto os veciños e veciñas, como as asociacións, ou mesmo algunha empresa poidan aportar os enseres necesarios e básicos para equipar a vivenda, con mobles e outros utensilios que se atopen en bo estado”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña.
Todas aquelas persoas, asociacións ou entidades que queiran colaborar deben de poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais, que cordina a rede de axuda Silleda Solidaria, e indicar a aportación que fan e datos de contacto. O programa municipal encargarase de recoller o mobiliario e trasladalo á vivenda.
Do mesmo xeito, no vindeiro pleno ordinario, que se celebrará a finais deste mes, o goberno municipal ten previsto incluir na orde do día a aprobación do regulamento cos criterios para a adxudicación da citada vivenda.
O pasado ano o Concello de Silleda asinou coa delegación de Patrimonio e Urbanismo Noroeste do Adif o contrato de arrendamento do edificio central da estación ferroviaria de Ponte Taboada, para convertilo nun centro de acollida de transición da vida autónoma.
Este servizo é un dos piares básicos do programa Silleda Solidaria, posto en marcha a finais de 2012 e servirá para acoller de xeito temporal a familias en risco de exclusión social ou afectadas por situacións coma un desafiuzamento.
O contrato de arrendamento, por un periodo de 15 anos, estabrece unha contía de 100 euros aos mes que xa está abonando o Concello, que se comprometeu tamén no seu día a asumir as obras de reforma para mellorar as condicións da vivenda, que conta con 5 habitacións, cociña, baño e outras dependencias.
“O programa Silleda Solidaria está a ter moi boa resposta por parte dos colectivos, veciños e entidades que colaboran con esta iniciativa, respostando aos avisos que se emiten dende Servizos Sociais”, sinala Cuíña, “por iso agardamos que grazas a esa colaboración e ao espírito solidario do noso pobo, poidamos ter en funcionamento este centro no menor prazo de tempo posible”, engade.
Este servizo vén a completar outras liñas de actuación do programa municipal, que xurdiu á vista do aumento da demanda nos Servizos Sociais e dun cambio no perfil dos usuarios deste departamento. Entre elas figura o banco de alimentos, ou o roupeiro municipal, xunto co banco de libros ou a horta solidaria. Sobre esta última cabe resaltar que nos vindeiros días se poñerá en marcha unha iniciativa no CEIP da Bandeira, centro gañador do certame Reciclaula, coa dotación dunha horta da que a metade da producción será destinada ao banco de alimentos.
“Dende o Concello, como a Administración máis próxima aos cidadáns debemos de centrar os nosos esforzos en dar unha resposta aos veciños e familias que se enfrontan a situacións difíciles”, engade o rexedor.