Silleda, 26 de marzo de 2014. O municipio de Silleda acolle por segundo ano o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, con actividades que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de abril, organizadas pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui en colaboración co Concello de Silleda.
O programa, que foi presentado hoxe, comeza o vindeiro sábado 5 de abril coa actuación de Mofa e Befa, na Casa da Cultura de Silleda (entrada 5 euros, 21.30 horas). Candido Pazó toma o relevo o domingo día 13 de abril, tamén na Casa da Cultura (20.00 horas. Entrada 5 euros). A música tamén será protagonista nesta segunda edición do Mes Cultural de Axuda ao Sáhara. Así, o mércores 16 no Bar Pukará de Silleda celebrarase un concertó acústico a cargo de Josito Porto e Sabela Dacal, coa súa Factoría de Subsistencia. A cita será ás 23.30 horas, e a entrada custa 3,50 euros.
O sábado 26 de abril chega un dos platos fortes, co Concerto Por un Sáhara Libre, que terá lugar no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira. Xurxo Souto será o encargado de presentar o recital, que contará coas actuacións das Pandereteiras da Carballeira de Cercio, Linho do Cuco Ensemble e o grupo Leilía (21.30 h.) As entradas custan 8 euros en anticipada e 10 en taquilla.
A humorista Isabel Risco pecha o programa o vindeiro 30 de abril, na Casa da Cultura con entradas a 3 euros.
Puntos de venta e bonos para os monólogos
A organización tamén pon a disposición do público a posibilidade de mercar un bono para os monólogos e o concerto acústico do Pukará, por 12 euros. De non adquirir este bono, as entradas para esta actuación mercaranse en taquilla.
Os puntos de venda de bonos e as anticipadas do concerto no auditorio da Bandeira pódense mercar en establecementos de Silleda (Salón de Té, A Lareira, Cafetería Mari Pepa, Pukará, e Pub Moe’s), da Bandeira (Arume Bar); Lalín (Barriga Verde, Café Cantigas, O Circo do Mundo, e Suso, en Donramiro). En Rodeiro poden mercarse tamén no Café Pun Quirós; en Vila de Cruces na Cafetería Galicia e en Agolada no Bar Central.
A presidenta da asociación, Maite Isla, abriu a presentación celebrada hoxe en Silleda eloxiando o traballo de Pablo Romeo, coordinador do colectivo na comarca e vicepresidente da entidade, e agradecendo a colaboración do Concello de Silleda. Isla explicou que os fondos recaudados se destinarán ao programa Vacacións en Paz, grazas ao que nenos e nenas saharauis, de entre 8 e 12 anos, poden disfrutar de dous meses de vacacións en Galicia con familias de acollida afastados das duras condicións de vida no deserto. “É das mellores xornadas culturais que se veñen celebrando, grazas ao traballo de xente nova, responsable e comprometida como Pablo”, engadiu Maite Isla, que estivo acompañada por Emilio Portela, tesoureiro da asociación.
Pola súa banda, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, felicitou á asociación e sobre todo ao coordinador comarcal “por contar con un cartel de tal calidade, con recoñecidos monologuistas e grupos galegos”, engadiu. Cuíña animou aos veciños e veciñas a acompañar coa asistencia esta “magnífica programación e para que o pobo saharaui vexa que non está só”, engadiu o alcalde.
Prazo de acollida aínda aberto
Dende a Asociación, Pablo Romeo tamén explícou que aquelas familias que desexen acoller este verán nenos/as saharauis dentro do programa Vacacións en Paz aínda poden formular solicitudes ata o vindeiro 15 de abril. No caso de Silleda as familias interesadas poden poñerse en contacto coa asociación a través do Concello.
Os fondos que se recauden co programa cultural do vindeiro mes serán destinados a financiar os viaxes dos nenos que participan no programa en toda Galicia . Agárdase que este verán poidan disfrutar da iniciativa 321 nenos e nenas, a mesma cifra que o pasado ano.