Silleda, 21 de novembro de 2013. O programa Silleda Solidaria vén de poñer en marcha, un ano máis, a campaña de recollida de xogos e xoguetes de cara a vindeira campaña de Nadal, baixo o lema Un neno/a un xoguete. Todas aquelas persoas ou colectivos que queiran colaborar poden dirixirse ás dependencias de Servizos Sociais, dende onde se coordina o programa para realizar a entrega. Os xoguetes e xogos deberán de estar en bo estado de conservación. A campaña seguirá aberta ata o día 27 de decembro.
Todos os obxectos serán repartidos nas datas do Nadal entre os nenos e nenas das familias con menos recursos do municipio.
Así mesmo, nos supermercados de Silleda e da Bandeira tamén se mantén aberta a recollida para o Banco de Alimentos. “Dende o programa Silleda Solidaria, a través do cal se coordinarán agora todas estas accións queremos apelar á colaboración cidadá e tamén agradecer o xesto a todas aquelas persoas e asociacións que xa fixeron as súas aportacións”, sinala a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Dolores García.