SILLEDA CO-LABORA – Traballar, producir e vivir no rural

INTRODUCCIÓN

Silleda Co-labora é unha iniciativa do Concello de Silleda que nace cun obxectivo claro: crear traballo no rural para fixar poboación, facendo posible que vivir nas parroquias tamén signifique desenvolver un proxecto laboral e vital con futuro.

O proxecto parte dunha idea sinxela pero ambiciosa: se no rural existen recursos, espazos e talento, tamén poden existir oportunidades reais. O territorio non é un límite, senón unha vantaxe.

Un rural vivo, activo e sostible

Silleda Co-labora aposta por un modelo de desenvolvemento sostible e respectuoso co territorio, baseado na economía circular, no aproveitamento responsable dos recursos e na activación de infraestruturas públicas xa existentes.

O proxecto forma parte dunha estratexia máis ampla do Concello de Silleda para construír un rural vivo, activo e con servizos, no que traballar, producir, compartir e vivir sexa posible hoxe e tamén mañá.

Producir aquí, transformar aquí, vender aquí

Silleda Co-labora acompaña ás persoas produtoras para que poidan pechar todo o ciclo do seu traballo no propio concello: desde a produción ata a transformación e a venda.

Isto tradúcese en maior rendibilidade, menos custos, máis autonomía e unha economía local máis forte. Pero tamén en algo fundamental: a posibilidade real de quedar.

Porque fixar poboación non é só vivir nun lugar, é poder traballar nel con dignidade e estabilidade.

Unha rede pensada para todo o concello

O proxecto está deseñado cunha visión territorial equilibrada, organizando os espazos de produción e apoio para reducir desprazamentos e optimizar recursos:

• No norte do concello, en Cira, sitúarase un centro vencellado á produción primaria, cunha horta activa que permite producir, experimentar e aprender desde a base, en contacto directo coa terra.

• No centro do concello, en Ponte, localízarase o espazo pensado para acoller o conxunto de produtores e produtoras, facilitando a transformación, a valorización e a comercialización dos produtos locais co menor impacto posible en desprazamentos.

Este modelo achega os servizos ás persoas, facendo o proxecto máis accesible, eficiente e sostible.

Crear rede para crear futuro

Un dos piares do proxecto é a creación dunha rede de produtores e produtoras locais, baseada na colaboración, no intercambio de coñecemento e no uso compartido de recursos.

Como parte desta estratexia, celebramos anualmente unha feira de produto local, que serve como escaparate do traballo da rede, punto de encontro coa veciñanza e ferramenta clave para dar a coñecer os produtos, reforzar a identidade local e apoiar a comercialización de proximidade.

Un proxecto con alianzas para o reto demográfico

Silleda Co-labora conta coa colaboración da Fundación Roberto Rivas, unha organización sen ánimo de lucro que traballa activamente no ámbito do reto demográfico, promovendo o desenvolvemento sostible das comunidades rurais, o emprendemento social e a creación de oportunidades que favorezan o arraigo da poboación no territorio.

Esta colaboración achega coñecemento, visión estratéxica e acompañamento técnico ao proxecto, reforzando a súa vocación de continuidade e impacto a longo prazo.

O futuro constrúese aquí

Silleda Co-labora é unha aposta polo talento local, pola cooperación e pola capacidade do rural para xerar oportunidades reais. Porque cando hai traballo, hai vida. E cando hai vida, hai futuro no rural.

PROXECTOS

VIVEIRO DE EMPRESAS DE ÁREA 33: IMPULSAR PROXECTOS DESDE SILLEDA

O viveiro de empresas municipal situado en Área 33 é un dos principais motores de emprendemento do concello e unha peza fundamental dentro da rede de Silleda Co-labora.

Trátase dun espazo pensado para acompañar a creación e consolidación de proxectos profesionais, ofrecendo infraestruturas modernas e servizos compartidos nun entorno de colaboración.

Na actualidade dispón de seis despachos totalmente ocupados, nos que desenvolven a súa actividade empresas de distintos sectores, como servizos bancarios, asesorías, enxeñarías e outras actividades profesionais, o que amosa a demanda real e o potencial do espazo como punto de atracción de actividade económica.

O centro conta ademais cunha zona de coworking en desenvolvemento con seis postos de traballo, que se completará cunha área de descanso, sala multimedia, espazos de reunión e unha pequena cafetería, creando un entorno dinámico no que traballar, compartir e xerar sinerxías entre proxectos.

Área 33 funciona xa como un ecosistema empresarial vivo, e a súa conexión co proxecto Silleda Co-labora permitirá achegar os recursos do viveiro ás iniciativas do rural, facilitando a transformación de ideas en proxectos viables sen ter que saír do concello.

A FEIRA «SILLEDA FAI»: ENCONTRO DE PRODUTORES E VIDA RURAL

Como parte da dinamización do rural, en Silleda Co-labora celebramos cada ano a Feira «Silleda FAI», un evento que reúne a produtores locais de alimentación e artesanía na rúa Cartagena, promovendo o traballo dos nosos pequenos produtores e facendo visible a riqueza do noso tecido rural.

Este encontro vai máis aló dunha simple exposición de produtos: é un espazo de degustación, intercambio e relación entre a veciñanza e as iniciativas locais, xerando vínculos entre o territorio e o consumo de proximidade, e promovendo o recoñecemento da produción do noso concello como parte da vida e identidade rural.

OBRADOR COLABORATIVO CIRA: PRODUCIR DESDE A TERRA, CREAR DESDE O RURAL

O proxecto de Silleda Co-labora en Cira representa a orixe do modelo: producir desde a terra para xerar oportunidades reais no rural.

Neste núcleo do norte do concello localízase un espazo vencellado á produción primaria, cunha horta activa que permite cultivar, experimentar e aprender, poñendo en valor o coñecemento agrario e os recursos do territorio.

Cira convértese así nun lugar onde a produción non é só un punto de partida, senón unha oportunidade para crear actividade económica, fomentar a colaboración entre produtores e reforzar a identidade rural como espazo de presente e de futuro.

Este centro é xa obxeto de solicitude de subvención na convocatoria de subvenciones de la Orden TED/1358/2021 de 1 diciembre destinadas a la financiación de proyectos innovadores orientados a la transformación territorial y a la lucha contra la despoblación do Ministerio de Reto Demográfico.

O centro de Cira funcionará ademais de maneira conectada co viveiro de empresas municipal, a través dunha aplicación dixital común que permitirá coordinar o uso dos espazos, compartir recursos e facilitar a relación entre produtores e iniciativas emprendedoras.

Esta conexión reforzará o carácter de rede do proxecto, facendo posible que a produción, a transformación e a organización do traballo no rural se desenvolvan de forma máis ordenada, accesible e eficiente.

Cira converterase así nun punto de partida clave de Silleda Co-labora: un lugar onde a terra, o traballo e as oportunidades comezarán a camiñar xuntas.

CENTRO OBRADOR PONTE: UN PUNTO DE ENCONTRO PARA O RURAL

O centro de Silleda Co-labora en Ponte será o seguinte paso que queremos poñer en marcha dentro do proxecto. Concíbese como un punto de encontro para produtores e produtoras de todo o concello, unha infraestrutura vinculada á valorización, transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, pensada para facilitar o traballo diario, o uso compartido de recursos e a redución de desprazamentos innecesarios.

A súa localización na zona central do concello permite que produtores e produtoras de distintas parroquias poidan achegarse a este espazo en condicións similares, minimizando tempos e custos de desprazamento, reducindo o consumo asociado ao transporte e facendo máis sostible o día a día da actividade produtiva.

Desde Ponte organizarase parte da actividade do programa, permitindo avanzar dun traballo máis illado cara a un modelo máis colaborativo, no que sumar esforzos e aproveitar mellor os recursos dispoñibles.

Este espazo estará interconectado co centro de Cira e co viveiro de empresas municipal, formando unha rede coordinada que permitirá ordenar a produción, a transformación e a xestión dos proxectos dun xeito máis eficiente.

O obxectivo é claro: apoiar a produción local, facer máis viable o día a día no rural e crear condicións reais para que a xente poida quedar. Ponte será así unha peza clave dun proxecto que entende o rural como un espazo de traballo, de oportunidades e de futuro.