O NOVO CONTEDOR MARRÓN!
Dende o 1 de xaneiro, os núcleos urbanos de Silleda e Bandeira xa contan cos novos contedores marrón instalados na vía pública.
Aos contedores xa existentes de envases (amarelo), papel/cartón (azul), vidro (verde) e resto (gris), súmase o contedor marrón para os residuos orgánicos (ou biorresiduos).
Contedores con pechadura.
Os novos contedores marróns dispoñen de pechadura, para a súa apertura será necesaria unha chave metálica. Esta chave será entregada durante a campaña de información a todos os fogares, comercios e entidades públicas e privadas do municipio.
O KIT DA ORGÁNICA
Que é a materia orgánica?
Os biorresiduos (ou orgánicos) son os residuos de orixe vexetal e/ou animal, xerados no ámbito domiciliario e comercial.
Os residuos orgánicos supoñen entre o 40 e o 50% dos residuos xerados nos nosos fogares. Separar correctamente estes residuos supón un avance moi importante na reciclaxe dos residuos municipais, evitando así que moitos residuos deban depositarse nun vertedoiro, co consonte impacto ambiental que conleva.
Ademais, os residuos orgánicos (ou biorresiduos) poden converterse, a través dun proceso químico chamado compostaxe, nun excelente fertilizante natural apto para xardinería e para a restauración de solos, devolvendo á terra o que previamente se ten extraído dela, e pechando así o ciclo da orgánica.
Preguntas frecuentes
Podo usar como recipiente na casa un caldeiro normal? Podes usar calquera tipo de caldeiro ou recipiente, aínda que un caldeiro aireado, ao ter unha reixa, ten a vantaxe de facilitar a ventilación dos residuos do interior, axudando ao seu secado e reducindo os olores e a acumulación de líquidos no fondo da bolsa.
Para tirar a orgánica é obrigatorio usar bolsas compostables? Podo usar bolsas de plástico? Recoméndase e prefírese usar bolsas compostables. Ao ser máis transpirables, evitan que se acumulen os líquidos que conteñen os restos orgánicos, facendo máis cómodo o seu transporte. Ademais, como o seu nome indica, descompoñen xunto coa materia orgánica, polo que unha vez na planta de compostaxe non é necesario separar a bolsa de plástico dos residuos, proceso que si é necesario facer coas bolsas convencionais.
Pódese depositar no caldeiro marrón o papel manchado de restos orgánicos? Sempre que o papel estea composto de celulosa, pódese facer. Agora ben, só debe ir se está manchado de restos de comida ou aceite. O papel limpo debe ir ao contedor de papel, para facer papel novo.
Pódese verter o lixo orgánico directamente no cubo marrón, sen bolsa? NON, os residuos sempre deben depositarse dentro dunha bolsa pechada, para minimizar o derrame de líquidos e a xeración de olores dentro do contedor.
Podo tirar as cápsulas de café no caldeiro da orgánica? No caldeiro da orgánica pódese tirar o residuo do café, pero non as cápsulas porque conteñen compoñentes de plástico ou aluminio. Se se usan cápsulas para preparar o café, é necesario separar os dous compoñentes (residuos ao marrón e envase ao amarelo).
Podo tirar as bolsas de té e outras infusións na orgánica, aínda que leven unha grapa? Si, as bolsas de infusións pódense tirar cos residuos orgánicos. Isto debeuse a que tanto as follas do té como a bolsa e a etiqueta están feitas de compoñentes orgánicos biodegradables.
Os excrementos de animais domésticos e as areas para gatos van ao contedor marrón da orgánica? Non. Os excrementos e as areas para gatos van ao contedor de resto, onde van os residuos que non se poden reciclar. Aínda que son biodegradables, os excrementos non se poden mesturar cos residuos orgánicos porque poden conter microorganismos que poden permanecer nestes materiais a pesar do proceso de compostaxe. Para evitar riscos sanitarios, é necesario depositar estes residuos no contedor de resto.
Que se consideran pequenos restos de xardinería? Considéranse pequenos restos de xardinería os ramallos de flores, a herba cortada, follas mortas e restos de folla, pequenos talos de plantas ornamentais, etc. Sempre que se produzan en pequenas cantidades. A modo de exemplo, pódense depositar no contedor os restos de xardinería que caiban nunha bolsa. Exclúense ramas e troncos leñosos ou grandes cantidades, que é necesario levar a un punto limpo ou ben a un xestor específico para estes residuos.
Axenda da campaña informativa
Puntos de información:
Nestes puntos, proporcionarase información e entregaranse todos os materiais necesarios para a separación da orgánica. Realizaranse os sábados en diferentes lugares:
- En Silleda:
- 27 de xaneiro, de 10:00 a 17:00 – Praza do Siñor Afranio e se chove na Casa do Concello
- 17 de febreiro, de 10:00 a 17:00 – Praza do Siñor Afranio e se chove na Casa do Concello
- En Bandeira:
- 3 de febreiro, de 10:00 a 17:00 – Rúa da Capela e se chove no local situado ao lado da carpa
- 10 de febreiro, de 10:00 a 17:00 – Rúa da Capela (se chove, lugar por determinar)
Charlas informativas:
Está prevista a realización de charlas informativas dirixidas á cidadanía en xeral, ao mesmo tempo que tamén se realizarán outras dirixidas a colectivos específicos. Nelas tamén se entregará o kit promocional da orgánica.
Venres, 26 de xaneiro, ás 20:00 h., no Salón de Actos do Concello
Xoves, 1 de febreiro, ás 20:00 h., na Casa da Cultura de Bandeira
Xornada específica para comercios e empresas:
Trátase dunha sesión formativa específica dirixida a comercios e outras actividades que, na súa actividade, sexan xeradoras de residuos orgánicos.
Mércores, 24 de xaneiro, ás 18:00 h., no Salón de Actos do Concello
Visitas a domicilios:
A partir do 24 de xaneiro, realizaranse visitas aos domicilios que non acudiran aos puntos informativos, co fin de facerlles chegar a información e os materiais promocionais, ao mesmo tempo que resolver dúbidas que poidan ter.