Saúda da Alcaldesa

Situada no corazón de Galicia, Silleda é unha terra hospitalaria e con máis dun motivo para achegarse ata ela. Natureza, tradición e historia conflúen no territorio de Trasdeza facendo deste municipio interior un referente en ámbitos coma o do turismo. O mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro ou a Fervenza do río Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, son os baluartes dun concello ligado tamén a un certame, a Feira Internacional de Galicia Semana Verde, que lle dá nome máis aló das nosas fronteiras. As nosas xentes, agricultores, gandeiros, empresarios… forman parte da paisaxe humana que tamén lle confire carácter a Silleda, berce de artistas coma o pintor Colmeiro.

Como alcaldesa, e en nome do resto de compañeiros e compañeiras do goberno municipal, convídovos a visitar este fermoso enclave bañado polo río Deza, no Camiño cara a Compostela, e a descubrir os moitos encantos que se agochan en cada unha das 33 parroquias que conforman este concello. A través deste portal web, que trataremos de ir mellorando, queremos dar conta do noso traballo e informar á veciñanza e persoas usuarias de Internet sobre distintas cuestións da actividade municipal.

Paula Mª Fernández Pena

Alcaldesa de Silleda

ALCALDÍA

Paula Mª Fernández Pena

Paula María Fernández Pena (Silleda, 1971), diplomada en Arquitectura Técnica, foi a primeira muller alcaldesa do municipio, entre 2007 e 2009 e máis tarde entre 2011 e 2013, ano no que se convertiu en Senadora. Entre 2015 e 2023, foi ademais directora de gabinete na Presidencia da Deputación de Pontevedra.

En xullo de 2021 regresou como concelleira á Corporación de Silleda, facéndose cargo das concellerías de Urbanismo e Medio Ambiente.

O 22 de xaneiro de 2024 asume de novo o cargo de Alcaldesa de Silleda, trala marcha de Manuel Cuiña Fernández.

Ademais da Alcaldía, asume as áreas de Réxime Interior, Urbanismo e Promoción Económica.