25N en Silleda. Manifesto completo de Belén Liste

Veciñas e veciños de Silleda:

Seguro que moitas persoas vos estades preguntando quen é esta muller e que fai hoxe aquí. É unha boa pregunta, e crédeme se vos digo que eu me preguntei o mesmo cando Paula, a nosa alcaldesa, me chamou para pedirme que me dirixira a vós neste día.

Non sei se son a persoa máis axeitada para estar aquí, pero si sei que a violencia contra as mulleres me importa, impórtame moito, e dende que comprendín a súa dimensión e a enorme inxustiza que supón, traballei arreo para que as cousas cambiaran.

Cando no ano 2005 empecei a traballar neste campo, non tiña moita idea do que supoñía a violencia de xénero. Sempre lembrarei o primeiro día de traballo cando de casualidade me crucei polo pasillo de San Caetano, o edificio onde traballaba,  cun compañeiro ao que había tempo que non vía e, cando lle comentei que acababa de empezar na subdirección de loita contra a violencia de xénero, me dixo textualmente: «Yo eso no lo entiendo, pero tengo claro que es un problema de  hombres psicópatas, que tienen alguna patología mental, que están enfermos».

Naquel momento non souben que pensar porque daquela o me coñecemento sobre a violencia de xénero era unicamente o que escoitaba na televisión ou na radio,  ou o que lía nos periódicos.

Hoxe sei que aquel compañeiro tampouco o tiña claro pero si que dixo algo certo:  isto é parte dunha enfermidade, a enfermidade chámase machismo, e a sufrimos todos e todas, os homes pero tamén as mulleres, aquí e en todas partes do mundo. Non ten nada que ver coa enfermidade mental, co alcol ou as drogas. Está incrustado na nosas sociedades e nas nosas vidas e a súa manifestación máis cruel é a violencia de xénero

Pensade no iceberg co que chocou o Titanic a principios de século  XX, ese iceberg era só a punta visible dunha inmensa placa de xeo soterrada no mar.

Así tamén a  violencia machista é a parte máis visible do problema,  pero debaixo, soterrado, está ese machismo, en ocasións  máis difícil de ver, de  recoñecer: o control, o despezo, as humillacións, os insultos,  a chantaxe emocional..,  son só algunha da súas caras..

Dá igual quen sexamos e onde vivamos, a que nos dediquemos e cal sexa a nosa situación económica.

A idea que vos quero transmitir é que a violencia de xénero, todas as violencias que sufrimos as mulleres só por ser mulleres, é universal, está en todas partes do mundo. Nas grandes cidades e en vilas pequenas ou medianas como a nosa.

Cando participaba  en xornadas ou cursos sobre este tema sempre dicía algo do que non somos conscientes: as vítimas da violencia de xénero son as únicas vítimas que non piden axuda.

Pensade que fariades calquera de vos se hoxe ou mañá  vos rouban a carteira, o móbil,  o coche. Inmediatamente denunciamos o delito, é dicir, pedimos axuda, que nos axuden a recuperar o que é noso.

Pero as mulleres vítimas desta violencia non o fan: os datos estatísticos amosan que a media de tempo que tarda unha muller en dar o paso para saír desa situación é de 8 anos. As que o conseguen, claro. Moitas non o fan nunca e outras son asasinadas nese camiño.

E aquí atopamos outro gran prexuízo ao que se enfrontan a vítimas. Escoitamos a xente que di: por que o aguantan?, serán masoquistas?, será que lles compensa? Se non marcha será por algo…

E si, é por algo. Un estudo recente amosa que case a metade das vítimas aguantan nunha situación de maltrato dentro da parella por medo: medo ao agresor, medo a como vai a reaccionar a súa familia, medo a que nos as crean, medo ao que vai ser da súa vida e da dos seus fillos e fillas,  medo a enfrontase a un proceso xudicial, en definitiva, por medo. A outra metade se divide entre as que no se recoñecían como vítimas (“pensaba que o me me pasaba era normal”, “foi o que me tocou na vida”), e as que dicían sentirse culpables e responsables da situación de violencia que vivían.

Nos últimos 25 ou30 anos, e dígoo dende a primeira liña de traballo neste tema, o noso país ten evolucionado a pasos de xigante cara á igualdade. Esta é a parte positiva.

Haberá xente nesta sala que lembre como en 1975 as mulleres precisaban permiso do seu pai ou marido para abrir unha conta  nun  banco ou para  sacarse o carné de conducir. Hoxe as mulleres estamos na vida pública, nas institucións, nas empresas, na política,  pero aínda en menor medida que os homes, que son quen maiormente seguen ocupando os postos de poder e de toma de decisións no mundo. Só tedes que botar un ollo ao xornal ou aos informativos nas TV.

Tamén é boa noticia saber que esa enfermidade chamada machismo ten cura. Como case sempre, a persoa enferma debe querer curarse porque as mulleres que cremos na igualdade non imos permitir pasos atrás: Sabemos que os dereitos conquistados para chegar aquí custaron moito e non son inamobibles. Nos últimos anos proliferan os discursos negacionistas, así que esteamos atentas.

Quero tamén aproveitar esta ocasión que me brinda o Concello de Silleda para dirixirme á xente moza, eles son o futuro do mundo e nas vosas mans está facer del un lugar mellor e máis xusto

 MOZAS:

Sabede que violencia non só se mide en golpes, senón tamén en palabras, en actitudes ou en miradas cando buscan diminuír a vosa autoestima, a vosa liberdade ou os vosos soños. Ninguén que de verdade vos queira ben poñerá limites á vosa vida.

Sabede que podedes facer calquera cousa e chegar a onde vos propoñades. Os límites poñédelos vós. Ser muller non debe condicionar o voso lugar no mundo.

MOZOS:

Mozos, homes: esta tamén é a vosa loita

Anímovos a compartir as xustas reivindicacións das mozas contra o sexismo e a que manifestedes o voso rexeitamento á violencia machista cando a detectedes ao voso arredor; facede pública e activa esa condena, non caledes e non consintades actitudes discriminatorias na vosa contorna.

Apoiade e escoitade ás vosas compañeiras e amigas que pasen por situacións de control  ou abuso, que vos sintan cerca, que a vosa man tendida lles poida axudar saltar cara á liberdade.

O uso e a lexitimación da violencia como forma de solucionar os problemas nunca leva a bo porto, todas e todos debemos buscar formas pacíficas e dialogadas para abordar e resolver as situacións conflitivas coas que nos  atopemos ao longo da vida.

No quero terminar sen compartir con vós a especial dedicación das compañeiras e dos compañeiros cos que traballei tantos anos na prevención e no combate das violencias machistas,  persoal da Xunta de Galicia e tamén dos concellos e de tantas asociacións, xente comprometida que loita pola liberdade de quen non a ten e lle presta a voz a quen non pode falar. Elas e eles inspíranme cada día e lémbrame co seu traballo que paga a pena seguir adiante.

Remato xa co cumprido capítulo de agradecementos:

En primeiro lugar mil grazas a todas as mulleres, que traballando moi duro dende a invisibilidade nos deron estudos ás que viñamos detrás e nos permitiron construír vidas independentes. Grazas a todas e grazas especiais pola parte que me toca á miña nai, que está tamén aquí.

Mil grazas a todos os homes que se implican con nós nesta loita. Sodes esenciais para acabar coa desigualdades Sen vós nunca poderemos conseguir a igualdade.

A miña gratitude infinita a todas as mulleres valentes que conseguiron dar o paso para rachar coa violencia e seguir adiante,  e grazas tamén a aquelas que compartiron as súa historias e aínda agardan para dar ese paso. Sei que o van conseguir

E, como non, grazas á corporación municipal de Silleda , a Ángela e a Paula. Grazas  por ter pensado en min  para este proxecto tan bonito e tan necesario, INVISIBLES, que pon en valor as mulleres desta vila. Síntome moi honrada de  formar parte del, xunto con outras mulleres magníficas do concello, e agardo que moitas máis sigan este camiño.

E por último, agora si por último, grazas a todas as persoas que estades hoxe aquí porque sei que no voso día a día, de forma anónima e ás veces sen ser conscientes, traballades para que as vosas fillas e os vosos fillos poidan facer deste mundo unha una sociedade igualitaria, integrada por persoas máis libres, máis autónomas, máis xustas e máis felices.

Porque, ao final, o maior acto de valentía é  traballar para construír un mundo no que todas e todos  poidamos vivir sen medo.

Grazas de corazón