Tratáronse diferentes cuestións relativas a situación do CEIP de Silleda, do Ramón de Valenzuela da Bandeira e do IES Pintor Colmeiro
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, reuníronse hoxe mércors 2 de outubro co conselleiro de Educación, Román Rodríguez González, para tratar diferentes cuestións relativas aos centros educativos do municipio. Especial atención mereceu a situación do CEIP de Silleda, do Ramón de Valenzuela da Bandeira, e do IES Pintor Colmeiro.
Durante a xuntanza, expuxéronse as necesidades urxentes dos centros, coas representantes locais agradecendo tanto a atención prestada polo conselleiro como a su receptividade. O secretario xeral técnico de Educación, Manuel Vila, tamén estivo presente na reunión.
En relación ao CEIP de Silleda, dende o Concello solicitouse autorización para ceder unha parte do patio escolar ao Consorcio Galego, permitindo así a ampliación do espazo de xogos do centro Galiña Azul. Esta zona do patio está en desuso e presenta problemas de visibilidade para o control do alumnado.
En canto ao estado de conservación do centro, Paula Fernández agradece o o compromiso do conselleiro para substituir as ventás e lograr así unha maior eficiencia enerxética evitando as perdas de calor, completando deste xeito as actuacións levadas a cabo o pasado ano pola Xunta.
“É de agradecer esta actuación, xa que estamos a falar do centro educativo máis antiguo a día de hoxe da comarca do Deza, e aínda que se realizaron reparacións nas cubertas, as carpinterías exteriores metálicas continúan xerando importantes perdas de calor. Esta situación dificulta o confort térmico, e é unha demanda histórica do Concello desde hai 15 anos”, sinala a rexedora.
En canto a outra das demandas históricas tanto do Concello de Silleda como da comunidade educativa, na xuntanza solicitada pola alcaldesa, tamén se falou do patio cuberto do CEIP de Silleda. As dúas administracións comprométense a analizar as posibilidades desta actuación, para dar resposta a un centro con máis de 350 alumnos e alumnas que dispoñen dun espazo reducido cuberto para pasar o recreo nos días de choiva.
Fernández e Troitiño tamén realizaron co conselleiro un repaso ao estado de conservación do resto de centros do municipio, así como aos investimentos realizados nos últimos anos.
“É fundamental que os nosos centros educativos conten con infraestructuras dignas para ofrecer unha educación de calidade. Dende o Concello seguiremos insistindo para que estas demandas históricas sexan atendidas o antes posible”, declarou a alcaldesa.