A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, acompañada pola concelleira de Benestar Social e Sanidade, Ángela Troitiño, mantivo este mércores 2 de outubro unha reunión co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para tratar diversas cuestións relacionadas cos servizos sanitarios no municipio.
Un dos principais temas que se puxo sobre a mesa foi a posta en marcha do Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027, unha iniciativa pioneira en Silleda que busca situar o benestar emocional e psicolóxico da veciñanza no centro das políticas públicas. O conselleiro mostrou un gran interese pola proposta e comprometeuse a colaborar no seu desenvolvemento. Ademais, agradeceu a invitación da alcaldesa para asistir á presentación oficial do plan, que terá lugar o vindeiro 11 de outubro, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental.
Outro dos asuntos que se tratou foi a situación do PAC de Silleda, que actualmente atende a unha poboación de case 14.000 persoas dos municipios de Silleda e Vila de Cruces. A alcaldesa solicitou unha maior dotación de persoal, unha demanda unánime de todas as forzas políticas da corporación acordada no pleno municipal celebrado o 30 de setembro, no que se decidiu solicitar á Consellería o aumento de persoal facultativo no PAC. O conselleiro comprometeuse a estudar a situación xunto ao equipo de Recursos Humanos da Consellería.
Falta de pediatras
Tamén se abordou a problemática do servizo de pediatría no centro de saúde de Silleda. Paula Fernández insistiu na necesidade de cubrir as baixas e vacacións do persoal para evitar que a atención pediátrica se vexa interrompida, se ben a Consellería de Sanidade informou da dificultade para dispoñer de especialistas en atención primaria para cubrir as baixas, debido ao problema xeralizado de falta de médicos. Ao igual que no caso do PAC, o Concello subliñou que esta é unha reclamación unánime de todas as forzas políticas da corporación municipal, que coinciden na urxencia de garantir un servizo pediátrico continuo. A Consellería comprometeuse a estudar posibles solucións, aproveitando a finalización do período de residencia dos novos facultativos.
Centros de saúde
En canto ás infraestruturas, falouse das necesarias melloras nos centros de saúde de Silleda e Bandeira. O centro de Bandeira, de titularidade municipal, presenta graves deficiencias estruturais, como filtracións de auga e humidades, que requiren unha actuación integral na cuberta. O Conselleiro solicitou ao Concello unha valoración técnica sobre o custo destas reparacións para buscar unha solución conxunta. No caso do centro de saúde de Silleda, comprometeuse a enviar técnicos da unidade de obras para revisar as filtracións e a fachada ventilada de lousa, que presenta pedras soltas cun posible risco de caída.
“Agradezo a boa disposición do Conselleiro para atender as demandas que lle trasladamos. A colaboración entre administracións é fundamental para mellorar os servizos sanitarios que se prestan no noso municipio e para dar resposta ás necesidades da nosa veciñanza”, declarou a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández.