Este martes 17 de setembro celebrouse unha sesión informativa no Centro Social para explicar ás persoas interesadas a dinámica do programa
A Asociación Antonio Gandoy, en colaboración co Concello de Silleda, volve poñer en marcha o programa Espazos das familias, preescolar na casa, unha iniciativa dirixida a pais, nais e titores de nenos e nenas de entre 0 e 6 anos.
Este programa ten como obxectivo crear un espazo de formación, apoio e orientación para as familias no proceso de crianza, facilitando ferramentas para mellorar tanto a xestión emocional como o desenvolvemento educativo dos máis pequenos.
As sesións comezarán en outubro e celebraranse todos os martes pola tarde, a partir das 17:00 horas, no Centro Social de Silleda, coincidindo co calendario escolar.
Onte, martes, celebrouse unha sesión informativa na que se lles explicou ás familias a dinámica do programa.
A través de charlas impartidas por profesionais en pedagoxía e xestión emocional, as familias participantes poderán adquirir coñecementos e habilidades para enfrontarse aos retos diarios da crianza, abordando temas como a educación emocional e o acompañamento no crecemento persoal dos nenos. O programa ofrecerá un enfoque práctico e de lecer, no que as familias terán a oportunidade de compartir experiencias e resolver dúbidas.
Esta actividade está aberta a todas as familias do municipio que desexen participar. As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse enviando un correo electrónico a antoniogandoyeducacion@gmail.com ou chamando ao teléfono 686 446 838.