Silleda, 29 de marzo de 2017. A Asociación da Comisión de Festas de Silleda vén de convocar un concurso para elixir o cartel anunciador das Festas de Verán 2017. Segundo se recollen nas bases, que foron remitidas tamén aos centros educativos e que se colgarán na web municipal, entre outros, a temática deberá manter relación coas festas silledenses.
Cada concursarte poderá presentar dúas obras como máximo e as propostas deberán conter necesariamente a lenda “Festas Patronais de Silleda 2007, do 6 ao 9 de xullo”.
Os traballos poden entregarse na Casa da Cultura ata o vindeiro 12 de maio. Outorgarase un único premio de 300 euros en vales de compra para gastar naqueles establecementos que aparezan no Libro de Publicidade das Festas de Silleda 2017.
AS obras (en formato vertical, soporte ríxido e tamaño DIN A3) deben de ser inéditas e orixinais, valorándose a orixinalidade así coma o uso de elementos emblemáticos destas festas.
Os traballos deben de entregarse en sobre pechado en no interior figurarán os datos de autor (nome, apelidos, DNI, dirección e número de teléfono). O xurado estará composto por algún experto na materia, representantes das distintas asociacións ou grupos, membros da Comisión de Festas e outras destinadas por estas ao seu criterio. O fallo darase a coñecer o vindeiro 20 de maio. O cartel gañador non se devolverá ao autor, cedendo este os seus dereitos sobre o traballo á comisión de festexos. Os traballos que non resulten premiados poderán ser retirados polos autores no prazo de 15 días contados a partir do fallo, en caso contrario a Comisión poderá dispoñer deles.
Para consultar as bases, preme no titular desta nova.