A Banda Municipal de Silleda presentou hoxe o CD Silleda pobo e música, gravado con motivo da celebración do seu 125 aniversario. A presentación tivo lugar no mosteiro de Carboeiro, onde o director da formación, Rafael Agulló explicou algunhas das características do repertorio, con6 temas en total. “A nosa intención principal era amosar a música con raíces tradicionais, pero non só a que se fai aquí”, sinalou. Así explicou que o repertorio é variado con pezas que van dende o pasodrobe, muiñeira ou xota ata unha suite baseada en temas galegos ou o poema sinfónico Celtic Child, no que tamén participa o coro da escola municipal. O disco inclúe os temas Silleda, de José Rafael Pascual Villaplana, Estrasantico, de Simón Couceiro, Celtic Child, de Bert Appermont; A xota de Nicolás, de Xosé Luis Represas; Silleda, pobo e música, de Juan Luis Diéguez, e un tema especial, Exilieta, peza central do disco composta por unha xoven promesa, Antón Alcalde Rodríguez.
“É un repertorio variado, dinámico e para gustos de todas as idades”, sinalou Agulló.
O disco sae cunha tirada de 1.000 exeplares e un formato especial, deseñado polo silledense José Valiño. A portada amosa unha fotografía antiga da banda tocando nas rúas de Silleda. “É un disco dunha calidade extrema e un gran componente emocional”, dixo o director sobre o traballo, gravado a finais de decembro do pasado ano e que se pon mañá á venda na celebración do Día da Música ao asequible prezo de 10 euros.
O presidente da Asociación Amigos da Banda, Alfredo López, agradeceu a colaboración das empresas que fixeron posible a grabación do traballo discográfico co seu apoio económico e a presidenta da Anpa Musiquiños, Silvia López, fixo o agradecemento extensivo á escola de música.
Pola súa banda a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández destacou o traballo realizado pola banda á que deu os parabéns. “Esté onde esté sabedes que en mín teredes un apoio”, dixo destacando o bo facer da agrupación silledense.