A Bandeira revive o tradicional Alto dos Xenerais o vindeiro día 9 de febreiro

 

Silleda, 25 de xaneiro de 2013. A vila da Bandeira acolle os días 8 e 9 de febreiro a súa cita co entroido. O programa, que  foi presentado hoxe no Centro Cultural Vistalegre, comeza o venres día 8 coa vellada e o percorrido do tractor filloeiro polas rúas da vila a partir das 20.00 horas, acompañado pola charanga local Vida Loca. Dende este vehículo  repartiranse filloas, chourizo e viño, que serán gratis para os que vaian disfrazados de vellos/as. Pola noite haberá tamén un concerto rock de dous grupos locais no bar Arume.

Xa o sábado, a citada charanga acompañará tamén o desfile de cabezudos, unha tradición que se incorporou con éxito o pasado ano e que estaba moi presente nas festas da vila a principios do século XX.

Xa pola tarde terá lugar o desfile de carrozas e comparsas encabezado polo xenerais e correos que lanzarán os tradicionais “vivas” entre o público ao seu paso. O percorrido partirá dende a rúa do Deporte, onde os que desexen participar poden anotarse entre as 15.15 e as 14.45 horas. O desfile da mascarada rematará na praza da Feira, onde os máis cativos (de entre 9 e 10 anos) abrirán o fogo verbal no Alto dos Xenerais infantil, -organizado polo Ceip Bandeira-unha cita que se ven celebrando dende hai xa varios anos e que garantiza a continuidade desta tradición tan arraigada en municipios da ribeira do Ulla. Os da canteira darán o paso os correos e xenerais do Alto, -previsto para as 18.00 horas- eque incorpora a rapaces e rapazas que xa protagonizaron a sesión infantil anos atrás e que “ascenden” desta volta. En total serán 16 as persoas que participen na batalla dialéctica.

Premios e alta participación

Sara Blanco, secretaria da Asociación de Xenerais do Entroido da Bandeira explicou hoxe durante a presentación que os premios do concurso de máscaras e parrandas se dividen en tres categorías. Para as comparsas e carrozas hai un primeiro premio de 500 euros, donado por Frigoríficos Bandeira e Ortopedia Silva; un segundo de 300 euros (do Bar Arume e Óptica Silva); un terceiro dotado con 200 euros (de Vinoteca Cadeira e Bar Plazoleta); un cuarto premio de 100 euros (A Taberna do Músico); un quinto de 75 euros, (Clínica Dental Marta Macías); e un sexto de 50 euros, donado polo Bar Trécola. O Concello de Silleda tamén aportará 300 euros para repartir entre as dúas mellores charangas (con premios de 200 e 100 euros). Na categoría de individual, haberá dous galardóns, un primeiro con 100 euros (do Bar A de Filo e Bar Encontro) e un segundo de 50 euros de Fontanería Blanco.

Sobre o fallo dos premios, dende a organización destacan que son os propios participantes os que valoran as mellores propostas votando entre sí. “Temos xa xente doutras provincias que nos chamaron interesados en participar”, comentou Sara Blanco, que destacou que en 2012 se batiu o récord de participación no desfile. A noite rematará cun baile de disfraces no pavillón da Bandeira, amenizado polos dúos Azahara e Caché.

Na presentación participaron tamén o vicepresidente da Asociación de Xenerais da Bandeira, José Luis Blanco; Anxo Lois Diéguez, vogal e o concelleiro de Cultura e Turismo de Silleda, Matías R. Da Torre, quen destacou que na Bandeira “hai un relevo claro”. Tamén sinalou que “ano tras ano, nótase unha maior aficción e expectación” e que o entroido desta vila se diferencia por contar cun colectivo que traballa todo o ano para a organización da cita. “É na Bandeira onde realmente se produce un aguillón para outras parroquias onde medra o entusiasmo”, sinalou Datorre, lembrando que na veciña localidade de Lamela está a xestarse tamén outra asociación para preservar o entroido da Ulla.

No desfile de cabezudos, segundo comentou Anxo Lois Diéguez, contarán este ano con novos persoeiros (un cura e un monaguillo) que acompañarán ás figuras estreadas o pasado ano para recrear o casamento  noble, que segundo Benito Vicetto, na súa obra Historia de Galicia, se celebrou na Bandeira no século XV.