A actividade, prevista para as 17:30 horas, enmárcase no programa ‘Ler conta moito’
A biblioteca municipal Daniel Castelao de Silleda acolle o vindeiro mércores día 16 a sesión Casa, casiña, casona, enmarcada no programa Ler conta moito, cofinanciado pola Rede Galega de Bibliotecas.
Trátase dun espectáculo para primeira infancia e as súas familias baseado no asombro, a transmisión do amor a través da lingua galega e a palabra, dos primeiros cantos, xogos, cancións de dedos, trabalinguas, arrolos, poemas… que forxan os cimentos da casa que construímos ao longo das nosas vidas.
Esta cita, especialmente recomendada para crianzas de 0 a 3 anos, será ás 17:30 neste centro municipal.