Silleda, 4 de novembro de 2016. O encauzamento da contabilidade municipal de Silleda que se vén reflexando nos orzamentos e liquidacións dos últimos anos permitiu nesta anualidade de 2016 rebaixar o Imposto de Bens Inmobles (IBI). O alcalde e responsable do departamento de Facenda, Manuel Cuiña, advirte que os veciños e veciñas de Silleda pagaron un 11% menos de IBI neste ano, “logo de que rebaixaramos o tipo impositivo pasando dun 0,60 a un 0,53”, explica.
Este imposto directo, cun periodo de pago voluntario que rematou o pasado mes de outubro, sufrira un incremento dende o ano 2012 obrigado polo Real Decreto Lei 20/2011 do 30 de decembro, de materias urxentes en materia presupuestaria e financieira. A través desta normativa, o goberno Central fixara para os anos 2012 e 2013 un incremento progresivo deste imposto atendendo á antigüidade da ponencia de valores. No caso de Silleda, cunha ponencia que data dos anos oitenta, o tipo impositivo situouse no 0,60 nos citados exercicios, sendo prorrogado despois por decisión da UE.
Manuel Cuiña advirte ademais que no caso de Silleda “o Plan de Axuste ao que nos vimos obrigados a acollernos no ano 2012 coartaba por outro lado a posibilidade de rebaixar este imposto”.
Neste exercicio, vista a considerable mellora das contas municipais “unha vez que na lexislatura pasada empezamos xa a encauzar a maraña da contabilidade e a desfacernos das débedas herdadas” , explica o alcalde, o goberno municipal decidiu rebaixar o tipo impostivo do IBI do 0,60 ao 0,53, co que os veciños de Silleda viron reducidos os seus recibos nun 11%. “Con esta melloría das contas estamos cada vez máis cerca de deixar atrás as duras condicións do Plan de Axuste”, indica Cuiña.
Revisión catastral e ponencia de valores
Esta rebaixa beneficiou tamén a aqueles veciños que viron incrementados os seus recibos pola revisión realizada o pasado ano polo Catastro, “unha revisión feita polo goberno central e que afectou a varios municipios”, engade. “Incluso os veciños que se viron afectados pola recente revisión do Catastro se beneficiaron desta rebaixa, xa que de aplicarse o 0,60 pagarían máis polos seus recibos neste ano”, indica.
Cuiña advirte da necesidade de diferenciar o valor catastral, que se aplica sobre as propiedades e a ponencia de valores, que fixa o valor do solo “e que no caso de Silleda, ao estar sen actualizar dende os anos 80 teremos que plantexar a posibilidade de actualizala “, indica. Cuiña lembra que precisamente pola antigüidade desta ponencia, Silleda tivo que aplicar nos últimos catro anos o tipo impositivo do 0,60, seguindo as directrices da normativa estatal de finais de 2011.
“A xestión económica e as políticas de aforro que estamos a realizar non só nos permite estar en disposición de acometer inversións propias, tal e como se vén reflexando nos orzamentos municipais dos últimos anos, senon que ademais en Silleda podemos permitirnos rebaixar impostos como neste caso”, agrega o alcalde que avanza que nos orzamentos de 2017 nos que xa está a traballar o executivo local se continuará mantendo o tipo do 0,53 para a recadación do IBI.