Silleda, 5 de xullo de 2016. A campaña de desbroces no rural dentro do termo municipal de Silleda, que se iniciou o pasado día 31 de maio, continua esta semana noutras localidades. Así, está previsto que esta mesma tarde e nos vindeiros días continúen os traballos nos arredores de Silleda, que celebra esta fin de semana as súas festas.
O equipo da Concellería de Obras e Servizos, que dirixe Klaus Brey, tamén está a acometer a limpeza das beiravías do Camiño de Santiago que discorre pola parroquia de Piñeiro, debido á cantidade de herba e maleza acumulada, que dificultaba o paso dos camiñantes.
Unha vez realizados os traballos nestas parroquias, a campaña continuará seguindo co criterio das celebracións festivas.
Dende o goberno municipal, o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, indica que a campaña de desbroces é unha das tarefas máis laboriosas que se realiza dende o Concello, sobre todo tendo en conta a ampla extensión da rede viaria, que en todo o termo municipal supera os 1.000 quilómetros de pistas.
“Dende o Concello pedímoslle aos veciños e veciñas comprensión porque ademais de ter esta ampla rede de vías, hai que ter en conta tamén que este ano coa mala climatoloxía e as abundantes choivas do inverno, a herba e a maleza son máis abundantes”, indica Klaus Brey.
Continúan tamén os traballos de bacheo
Así mesmo, o Concello de Silleda está a realizar estes días traballos de bacheo en distintos puntos do municipio. Unha das actuacións lévase a cabo nas pistas da parroquia de Piñeiro.
Operarios municipais realizaron estes días os traballos para solventar as deficiencias que presentan o firmes destas vías. Aproveitando o bo tempo durante as últimas semanas tamén se realizaron este tipo de tarefas noutros puntos do rural silledense.