Silleda, 18 de setembro de 2019. A vila de Silleda acollerá o vindeiro sábado día 28 por primeira vez unha Carreira de Orientación. A proba, que foi presentada hoxe no Eco Hotel Nós –que colabora co evento- partirá ás 16:30 horas dende a praza Juan Salgueiro de Silleda, baixo a dirección de Toxo Aventura e Natureza.
Percorrerá o centro urbano de Silleda, e servirá para atopar novos recunchos da vila, así como a coñecer parte do patrimonio histórico e natura de Silleda.
Ricardo Figueroa, de Toxo Aventura, explicou que as inscricións poden facerse de xeito individual ou en grupo. Haberá así mesmo 4 categorias diferentes: Toxiños (iniciación para nenas/os, se son menores de 9 anos deberán ir acompañados de un adulto), Toxos (adultos ou nenas/os con maior dificultade física e técnica), Toxeiras (categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en Orientación) e Chorimas (categoría aberta para persoas con discapacidade).
Para participar é preciso inscribirse (ata o día 26), a través da web de Toxo Aventura ou no propio Concello. O custe é de 3 euros para adultos e 2 euros para menores (ata 17 anos).
Esta proba contribuirá tamén á concienciación sobre o respecto ao medio ambiente, xa que os participantes poderán retornar o vaso de plástico reutilizable que se lles entragará na meta.
A proba comezará ás 16:30, e consistirá en atopar na orde que aparezan no mapa, unha serie de puntos de control (denominadas balizas), espalladas polo entorno urbano do Concello. Os participantes disporán para iso dun mapa específicamente xerado para esta carreira.
Así mesmo contarán tamén cunha tarxeta electrónica que lles facilitará a organización, para comprobar que o percorrido é válido.
Salida escolonada
“Cabe salientar tamén que esta proba terá horarios de saída escalonados, de xeito que ningunha persoa ou equipo sairá ao mesmo tempo que outra co mesmo percorrido”, explicou Figueroa.
Ao rematar a carreira, a organización disporá dun pequeno avituallamento, grazas á colaboración do Ecohotel Nós, para tódolos participantes, onde poderán comprobar en tempo real os resultados.
Dende o Concello de Silleda a responsable de Deportes, Mónica González, anima a veciñanza a participar xa que é unha actividade apta para calquera idade e condición física, polo que se convida ás familias a participar, de xeito individual ou tamén como equipo. A vindeira semana membros da dirección da carreira acudirán aos centros educativos para explicar ao alumnado en qué consisten estas probas e animalos a participar.
Na presentación tamén participaron a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, o técnico municipal de Deportes, José Manuel Espiño e por parte do Eco Hotel Nós Natalia Castro e Enrique Iglesias.
Mónica González destacou as vantaxes das carreiras de orientación, “unhas probas que fomentan a toma de decisions, e nas que se traballan e conceptos como a capacidade de concentración, a interpretación de mapas ou a capacidade de observación. ”, engade destacando que no entorno da vila “Silleda conta con elementos patrimoniais e tamén con espazos naturais coma as Pedrosas polas que pasarán os participantes, algo que tamén contribue a poñer en valor os nosos recursos”.
Esta proba contribuirá tamén á concienciación sobre o respecto ao medio ambiente, xa que os participantes poderán retornar o vaso de plástico reutilizable que se lles entragará na meta.
Dende o Concello de Silleda que organiza esta proba agradécese especialmente a colaboración do Eco Hotel Nós, que ademais vén organizando outras probas destacadas que aúnan deporte, natureza e patrimonio coma o exitoso Trail do Románico.