Silleda, 27 de decembro de 2016. A carreira popular de San Silvestre volta ás rúas de Silleda o vindeiro sábado día 31. O certame, organizado dende o Concello de Silleda en colaboración coa Deputación de Pontevedra, comezará ás 12.00 horas dende a praza Juan José Salgueiro (antiga Praza da Feira Vella). Está aberta a todos os públicos e as persoas que desexen participar poden anotarse o propio día da carreira na mesma praza dende as 11.00 horas, sen necesidade de anotarse previamente.
O percorrido será circular, partindo da citada praza e pasando pola rúa Outeiro, avenida Recinto Feiral, rúa Progreso e volta por Outeiro de novo á praza. Haberá varios itinerarios, un senior de 5 kilómetros (5 voltas) e un infantil de 1 kilómetro.
Dende a Concellería de Deportes anímase a todos os vecinos e veciñas a participar nesta cita lúdica e deportiva, con agasallos e premios para todos os participantes, un certame que se recuperou o pasado ano dentro do programa de Nadal.
Premio á vestimenta máis orixinal
Haberá tres primeiros premios na categoría infantil e outros tantos na Senior (masculino e feminino), así como un premio xeral á vestimenta máis orixinal.