A Casa da Cultura acolle dende o vindeiro venres unha exposición sobre Antón Alonso Ríos

Silleda, 17 de novembro de 2017.- A Casa da Cultura de Silleda acollerá dende o vindeiro venres unha mostra sobre Antón Alonso Ríos, o mestre e activista político na emigración nado na parroquia silledense de Cortegada en 1887. Baixo o título “Antón Alonso Ríos. Política e pedagoxía para un país”, a mostra que chega dende o Concello de Tomiño –localidade na que exerceu como mestre nos anos 30- conta con fotografías, fondos bibliográficos do autor e mesmo mobiliario dunha escola dos tempos da II República.

Así, a exposición conta con mobles e instrumental das escolas da época (propiedade da Fundación Peirópolis), e libros relacionados coa biblioteca personal de Alonso Ríos durante a súa estadía en Bos Aires. Exemplares de filosofía, -un dos ámbitos de interese do mestre e agrarista- ou orixinais de publicacións súas (dende artigos en prensa ata ensaios e outras obras) forman parte da mostra que permanecerá aberta ao público dende o venres 24 ata o 14 de decembro.

A exposición tamén conta con correspondencia enviada por Alonso Ríos a Isaura Gómez Pérez, veciña de Tomiño, cartas que escribiu dende o ano 1975 ata o seu pasamento en 1980 e que dan conta do pensamento do autor nos anos posteriores á dictadura franquista.

Alonso Ríos, un dos persoeiros máis destacados na historia galega do último século pola súa labor pedagóxica, política –pola súa actividade no exilio galego en Arxentina- e a súa implicación no movemento agrarista, é tamén coñecido polo pseudónimo que usou para fuxir –facéndose pasar por esmoleiro- coa chegada da Guerra Civil no 36: Siñor Afranio.

 

A inauguración da mostra terá lugar o venres 24 ás 20:00 horas. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, agradece ao Concello de Tomiño a cesión desta completa exposición “que nos axudará aos veciños e veciñas de Silleda a continuar afondando na figura dun dos nosos persoeiros máis ilustres do último século cando se cumpren 130 anos do seu nacemento”, engade.

A mostra inaugurouse o mes pasado en Tomiño, completando as xornadas  que lle adicou  este municipio, no que puxo en práctica un modelo educativo innovador, ao frente da escola da emigración “Aurora del porvenir”.

Dende novembro do pasado ano o IES de Tomiño –onde se levaron a cabo ditas xornadas- leva ademais o nome do lembrado mestre.

 

Pese ao seu orixe humilde, xa que naceu no seu dunha familia labrega, Alonso Ríos  foi quen de cursar maxisterio, mostrando dun xeito temprano un grande interés polo ensino, e estudou da mán de un dos académicos máis destacados da época, Víctor Fraiz Andión.

Desenvolveu a súa vocación educativa na Arxentina, onde emigrou e comezou a súa actividade en torno ao asociacionismo galego na emigración e co movemento agrarista.

De volta en Galicia foi director da escola da emigración “Aurora do Porvenir” de Tomiño. Os seus métodos innovadores no ámbito do ensino e a actividade desenvolvida nesa escola, baseados no aprendizaxe a través da experiencia, do aprender facendo, e da posta en marcha de métodos de ensino traidos doutros lugares do mundo fixeron que a reputación da Aurora do Provenir e do seu traballo traspasara fronteiras e foran ben coñecidos en boa parte de Galicia e outros lugares de Europa, convertindoa nunha encola de vanguarda no ensino rural.

A actividade política de Antón Alonso Ríos destaca polo seu tesón no impulso dun modelo de desenvolvemento e transformación do rural a través do ensino orientado ao agro. O seu discurso político do impulso da igualdade social nun rural próspero levouno a formar parte das Cortes de 1936 como diputado.

O Golpe militar e o conflicto bélico fixeron que a súa vida e a da súa familia estivera comprometida. Durante máis de dous anos sobreviviu percorrendo a xeografía galega facendose pasar polo esmoleiro portugués Sr. Afranio, até que foi quen de chegar a Portugal e de ahí de volta á Bos Aires, onde chegou como exiliado político. Faleceu en 1980 sendo o máximo representante do Consello de Galicia.

Na actualidade a súa obra literaria sobre educación e política é estudiada por historiadores e profesionais da educación.