A Casa da Cultura acolle unha mostra antolóxica de José Antonio Fondevila dende o vindeiro venres 17

Silleda, 10 de abril de 2015. O vindeiro venres día 17 inaugurase na Casa da Cultura de Silleda unha mostra antolóxica do autor silledense José Antonio Fondevila García.

Natural da parroquia de Fiestras, onde naceu en 1952, Fondevila iniciou a súa actividade artística pública no ano 1993. Diplomado pola Universidade Internacional de Arte de Miami Interart, o artista ofrece ao público as súas lembranzas e vivencias plasmadas na obra pictórica que protagoniza esta mostra antolóxica que lle brinda o seu municipio natal.

Fondevila, que ten participado en exposicións en países como Estados Unuidos, Suecia, Portugal, Bélxica, Alemania ou Italia entre outros,  ademais de numerosas mostras en distintos puntos da xeografía española, atesoura numerosos recoñecementos, e convertiuse nun dos artistas silledense con máis proxección.

A mostra antolóxica, que ocupará as tres salas de exposición do edificio municipal así como outros espazos,  poderá verse en Silleda ata o vindeiro 16 de maio. O horario de visita será, de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Ademais, os domingos tamén se atenderá a colectivos previa cita.

Na xornada de apertura do vindeiro venres día 17, o acto inaugural terá lugar ás 20.30, con distintas intervencións. Así participarán o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña; a pintora, escultora e docente Pilar Taboada; e o xornalista Manuel Nuñez Fiuza, que presentará o acto. Tamén está previsto que acuda á estrea o conselleiro de Educación , Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A sala A acollerá as creacións baixo o título “Cuarta dimensión”. Na sala central estarán tamén obras do autor integrantes de coleccións privadas e retratos, entre outros, así como creación máis persoais que non se ven en exposicións do autor, caso de retratos a lápiz. Na sala Pintor Colmeiro tamén se poderán ver cadros e esculturas con inconfundible selo de Fondevila.

Ademais tamén esta previsto colocar material divulgativo e obras nas antesalas e o corredor, ou a sala da planta baixa entre outros.

Catálogo

A exposición antolóxica chega acompañada do correspondente catálogo, editado polo Concello e a Xunta, e no que figuran textos de Román Rodríguez, Manuel Cuiña, Pilar Taboada, como comisaria da exposición, e textos de recoñecidos críticos a nivel nacional.