Silleda, 13 de outubro de 2014. Dende o vindeiro venres e ata final de mes a Casa da Cultura de Silleda acolle unha mostra de Óscar Caramés. A exposición será inaugurada este venres día 17 ás 20.30 horas, na sala B.
Óscar Caramés vive en Siador (Silleda), onde a natureza é a principal fonte de inspiración da súa obra. e poderá visitarse de Luns a Venres de 10 a 14 h e de 16 a 20 h e os Sábados de 11 a 14 h. A mostra de Caramés consta de 14 obras con emprego de acrílico sobre material diverso nobre como mármore, castiñeiro, cartón e lenzo, recollidos como refugallo.Toda a obra é feita ao aire libre, froito da inquedanza do autor por buscar a liberación persoal a través da luz e da paisaxe que lle serve de marco e de inspiración. Unha invitación a que sexa compartida coa mesma paixón con que a pintou.Óscar Caramés iniciouse no mundo da arte da man da pintora silledense Marisa Miguélez, que lle transmitiu os seus coñecementos e a súa experiencia mediante clases de pintura.
O autor participou no ano 1997 na Mostra Xuvenil dentro da 1º Mostra de Artes Plásticas organizada no Concello de Silleda, e fixo ademais outras dúas exposicións individuais na Casa da Cultura da localidade (en 1998 e outra o ano pasado).
Así mesmo, no 96 obtivo o 1º Premio do Concurso de pintura organizado pola Asociación de Pais de Alumnos en Silleda e no ano 2004 obtivo o 2º Premio na categoría de Educación Postobrigatoria no IV Concurso de Pintura e Debuxo “Pintor Colmeiro”, organizado polo Insitituto de Ensinanza Secundaria de Silleda.