A iniciativa enmarcase dentro da campaña de promoción deste centro único en Galicia
A rapazada que participa no campamento de verán organizado polo Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda visitou este venres 2 de agosto as instalacións do Museo do campo e da mecanización situado no recinto Feira Internacional de Galicia.
Repartidos en varios grupos, os nenos e as nenas dos grupos de Silleda e da Bandeira realizaron un percorrido polas instalacións deste centro que constitúe unha homenaxe ás orixes de Galicia e das persoas que ao longo da historia viviron e traballaron nas súas terras. O persoal do centro, con Manuel Iglesias ao fronte, amosáronlles a evolución do campo e a súa mecanización cos avances na agricultura e gandaría.
As concelleiras de Educación, Ángela Troitiño, e de Medio Rural, Asunción García, acompañaron á cativada nesta actividade enmarcada dentro programa de saídas do servizo estival e na campaña de promoción dun museo que é único en Galicia.
Sala Barreiros
Unha das estrelas da visita foi a Sala dedicada aos tractores Barreiros que supón a maior exposición existente con estes modelos. Neste espazo os nenos e nenas gozaron destes vehículos históricos.
“Con esta iniciativa, ademais de dar unha alternativa no programa de actividades do campamento de verán do Concello, tamén seguimos a promocionar de maneira conxunta este museo”, indicou Ángela Troitiño. A edil tamén agradeceu ao Museo do Campo a súa participación e dispoñibilidade tanto nesta como noutras actividades, como na última Romaría do Rapaz ou as Festas de Verán de Silleda, citas nas que o museo presentou unha mostra dos vehículos Barreiros.
O museo do campo abriu as súas portas a finais do ano 2019 converténdose no primeiro de Galicia dedicado á historia da mecanización e a evolución da actividade agrogandeira.
Conta con 12 salas entre as que destaca a Sala Barreiros, con máis de 20 referencias da mítica marca de tractores.