A cesión de terreos por parte de dous veciños de Graba permite a entrada do camión do lixo ao lugar de Barreiro

 

Silleda 25 de marzo de 2013. O camión de recollida de lixo xa pode acceder ao lugar de Barreiro, na parroquia silledense de Graba, grazas a cesión de terreos realizada por dous veciños da localidade ao Concello de Silleda. Esta cesión realízase por un periodo de dez anos. “O camión non podía maniobrar nin facer xiros, polo que as vivendas situadas neste lugar non tiñan ata o de agora un contenedor preto para darles servizo”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Antonio Couso.

Con esta cesión de terreos, o vehículo pesado poderá chegar ata Barreiro, onde xa se colocou un contenedor a finais da semana pasada. Dende o goberno municipal, agradécese a estes dous veciños a cesión dos terreos “un xesto en beneficio da parroquia que permitirá dar servizo de recollida de lixo a este lugar”, engade Antonio Couso.