Silleda, 23 de febreiro de 2018. A comedia musical A gata con zocos, de A Cova das Letras, recalará na Bandeira o vindeiro sábado día 3 de marzo. A cita con esta comedia musical será ás 18:30 horas no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira.
Cristina Collazo e os títeres de Anxo García estarán acompañados nesta ocasión pola Banda Recretiva e Cultural da Bandeira, que interpretará a composición de Manuel Paino para esta peza, unha adaptación do clásico O gato con botas.
O Concello de Silleda colaborou xunto con outras entidades con A Cova das Letras na posta en marcha desta novidosa proposta escénica que conxuga música, teatro e títeres e que continúa a súa xira pola comarca logo da súa exitosa estrea o pasado mes de decembro en Ordes e o 6 de xaneiro en Merza.
A entrada será libre e o público da actuación poderá achegar material escolar que se entregará ao colectivo Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
“Animamos aos veciños e veciñas a achegarse ata A Bandeira o vindeiro sábado día 3 para disfrutar con este espectáculo familiar que xa comezou a colleitar éxitos e que ademais se plantexa como unha actividade solidaria en favor dos refuxiados do Sáhara”, indica a concelleira de Cultura, Ana Luisa González Costa.
A obra chega ademais no mes de marzo, “mes reivindicativo do papel da muller, algo que está presente nesta obra coa que Cris Collazo lle deu unha volta ao conto tradicional e que merece ser transmitido ao público máis novo para poñer o acento na reivindicación de valores da sociedade actual”, engade a concelleira.