A Concellaría de Turismo solicitará á Feuga un bolseiro/a para atender a oficina de Turismo en Carboeiro

 

Silleda,17 de xaneiro de 2013. A Concellaría de Turismo do  Concello de Silleda volve acollerse ao programa de bolsas da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), que promove a contratación de mozos/as recén licenciados que nunca antes tiveran traballado na súa especialidade, para contar con unha no punto de información turística do mosteiro de Carboeiro.

Os/as aspirantes deberán estar en posesión do título de Diplomado en Turismo, Graduado en Turismo ou Técnico Superior en Información e Comercialización Turística, ou en Axencias de viaxes e xestión de eventos; guía e información e Asistencia Turísticas ou ben en Xestión de Alonxamentos Turísticos. E Terán a pisibilidade de desfrutar desta bolsa remunerada por un período mínimo de seis meses e posibilidades de prórroga ata doce.

No caso dos que teñan título universitario,  deberán de estar ademais inscritos/as no Servizo Público de Emprego de Galicia e ter cursado estudos nunha das tres universidades galegas, ser menor de 31 anos e ter finalizado os estudos nos tres últimos anos. Para os técnicos en formación profesional, tamén se esixe estar inscrito na oficina de emprego, ser menor de 30 anos e ter finalizado os estudos nos tres últimos anos.

No caso dos universitarios/as a asignación económica mínima é  de 600 euros brutos por mes, e no de técnicos en FP, de 500 euros.

Proceso de selección

 

En canto ao proceso de selección, a Feuga realizará este trámite a través das oficinas de emprego de Galicia, entre os aspirantes que cumpran os requisitos. A valoración de méritos (expediente académico, cursos de formación e perfeccionamento, máster, coñecemento de idiomas…) suporá o 40% da puntuación total no proceso de selección, mentras que a proba oral, que versará sobre coñecementos xerais relacionados coas función a desenvolver no punto de información turística de Silleda, coñecementos xerais sobre o turismo de Galiza e en particular dos recursos de Trasdeza, suporá o 60% da puntuación total.

Prevése que o comité de selección teña resolto o proceso nas vindeiras semanas para que o bolseiro/ha seleccionado comece a traballar a principios do vindeiro mes de febrero.

O concelleiro de Turismo, Matías R. da Torre,  sinala que a atención aos visitantes no mosteiro de Carboeiro por parte de persoal titulado en materia turística é clave “para dar a debida atención sobre o propio cenobio románico e os recursos patrimoniais e naturais de Silleda aos milleiros de persoas que se achegan ata este enclave”.

O Concello de Silleda contou o último ano co traballo dun xeógrafo no departamento de Cultura e Turismo, grazas tamén a unha bolsa da Feuga.