A Concellería de Benestar abre o prazo para participar nas festas de Nadal para as persoas maiores

A celebración da ‘Xuntanza’ será o xoves día 12 de decembro e o ‘Ensaio de Fin de Ano’ o venres 27

A Concellería de Benestar de Silleda que dirixe Ángela Troitiño vén de abrir o prazo para participar nas festas de Nadal organizadas dende o Centro Social dos Maiores.

Así, ademais da xa tradicional Xuntanza de Nadal -que se celebrará o xoves 12 de decembro-, tamén volta á programación o Ensaio de Fin de Ano, que terá lugar o venres 27 de decembro. Todas as persoas que desexen asistir poden inscribirse no Centro Social dos Maiores de Silleda ou no propio Concello.

No caso da Xuntanza de Nadal, celebrarase no restaurante Coteliño, cun menú composto por sopa de peixe, langostinos, carne asada con guarnición, sobremesas de Nadal e café. O prezo é de 25 euros por persoa. A sesión estará amenizada por Carlos Manteiga e o prazo de inscrición remata o 8 de decembro.

O Ensaio de Fin de Ano inclúe pinchos variados, sobremesa, bebida, uvas, cotillón, champán e sidra, cun prezo de 15 euros por persoa. Celebrarase como é habitual no propio Centro Social, coa música de Suso de Melide. O prazo de inscrición remata, neste caso, o 22 de decembro.