Silleda, 3 de outubro de 2016. A Concellería de Benestar Social, a través do Club do Centro Social dos Maiores, vén de programar novas actividades que darán comezo o vindeiro mes de outubro.
Así na oferta figuran desde obradoiros para familiarizar aos maiores coas novas tecnoloxías ata traballos de creación artística ou de práctica de exercicio físico.
“Ao igual que en anos anteriores queremos ofertar aos nosos maiores propostas variadas que lles axuden a manterse activos tanto no aspecto físico como emocional, a maioría delas sen custes para os usuarios”, explica a concelleira Pili Peón.
Así a oferta inclue de novo o obradoiro Divírtome co móbil (que terá lugar os luns na Casa da Cultura de Silleda de 11.30 a 12.30 e os mércores no Centro Social da Bandeira, de 11.30 a 12.30) e o denominado Acendo o ordenador, para familiarizar aos maiores coa informática e Internet (os xoves de 11.00 a 12.00 na Casa da Cultura de Silleda).
O obradoiro de memoria tamén figura na axenda para os vindeiros meses, e celebrarase os martes de 11:30 a 12:30 na Casa da Xuventude de Silleda e os venres de 11:30 a 12:30 no Centro Social da Bandeira.
Estas tres actividades son gratuitas.
No caso de actividades artísticas, a oferta inclue dúas actividades que ser realizarán na Casa da Xuventude. Alí haberá un curso de pintura (a partir de xaneiro) que se celebrará os mércores de 11.00 a 12.00. Tamén se celebrarán sesións de manualidades coa actividade Traballo coas mans, os mércores de 15.30 a 16.30. Estas dúas actividades son gratuitas pero non inclúen o material.
Por último, nos vindeiros días dará comezo o curso ximnasia terapéutica e iniciación a pilates, todos os martes e xoves de 10.15 a 11.30 no Centro Social dos Maiores de Silleda. O custe é de 15 euros ao mes.
Calendario de celebracións
Por outra banda na axenda do Club do Centro Social dos Maiores tampouco faltarán a celebración de datas sinaladas nos vindeiros meses, coma o magosto ou as Festas de Nadal, das que se irá dando conta nas vindeiras semanas.
Viaxe a Euskadi
Así mesmo, mañá martes 54 veciños e veciñas de Silleda parten cara a Euskadi na excursión organizada dende a Concellería de Benestar Social,. A viaxe terá lugar ata o venres día 7, con visitas tamén a outras cidades nos traxectos de ida e volta.
Na primeira xornada, o martes 4 de outubro, a expedición visitará a cidade de Burgos para partir despois cara a Bilbao. Na xornada do día 6 a excursión trasladarase a Donosti, con visita ao centro histórico entre outros enclaves. Tanto en Bilbao como en Donosti haberá visitas guiadas. Xa na xornada de regreso, o venres día 7, o grupo visitará no traxecto de regreso a cidade de León.