A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística organiza unha variada programación durante maio para celebrar o Día das Letras

 

Silleda, 30 de abril de 2013. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, deseñou para o mes de maio unha variada programación para celebrar o Día das Letras Galegas.

Así, ademáis de actividades xa anunciadas coma os concursos de Microcurtas e Microrrelatos (aos que se poden presentar traballos ata o vindeiro día 16) ou a grande cita do Correlingua, que volta o mércores 8 de maio, o programa contará con iniciativas novidosas coma unha actividade relacionada co voluntariado. Así, o xoves día 9 de maio, a partir das 17.00 horas terá lugar na praza da Feira Vella un obradoiro de xoguetes realizados con goma eva, e que será impartido por un grupo de voluntarios do colectivo Jóvenes de Meridianos (de Almería), que están a realizar o Camiño de Santiago. Este colectivo traballa no desenvolvemento de programas tanto preventivos como de intervención coa mocidade.

Tamén na segunda semana de maio se celebrará na Bandeira a Romaría das Letras Galegas do CEIP da Bandeira (o día 10), e o Festival de Xirandola, o día 11 no auditorio Manuel Dopazo, dúas actividades coas que tamén colabora o Concello de Silleda.  O Correlingua, o día 8 de maio reunirá a uns 1.500 alumnos e alumnas da comarca na praza da Feira Vella, onde non faltarán actuacións coma as de Peter Punk ou A Balbina.

O domingo día 12, tamén terá lugar o Festival de Bandas Xuvenís de Silleda, un dos actos enmarcados no 125 aniversario da Municipal e que reunirá no auditorio da Semana Verde (a partir das 17.00 horas), a Banda Xuvenil de Santa Cruz de Rivadulla; Banda Xuvenil de Catoira, Banda Xuvenil de Silleda e Banda Infantil de Silleda.

O martes día 14 tamén terá lugar na biblioteca municipal Daniel Castelao a actividade As seis caras das letras, unha iniciativa do programa Ler conta moito. E os días 15 e 16 proxectarase na Bandeira e en Silleda o traballo audivisual Tradicioneando, historias de onte e hoxe.

Así mesmo, o domingo 26 terá lugar unha nova edición da Ruada nas fontes e lavadoiros da parroquia de Parada, outra actividade na que colabora a Concellería.

Ademais, a finais deste mes de maio tamén terá lugar a entrega dos premios dos certames de Microcurtas e Microrrelatos e a resolución da convocatoria entre os artistas e artesáns para elixir o motivo institucional do Concello de Silleda.

Consello Cultural o venres día 10

Por outra banda, tamén o venres día 10 se celebrará na Casa da Cultura ás 20.30 horas a reunión do Consello Cultural, constituído o pasado ano ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá, e á que se convocará as asociacións e colectivos culturais do municipio.

“É unha programación moi variada, para todos os sectores de público e na que contamos tamén co esforzó e o bo facer dos colectivos silledenses”, sinala Margarita Campos.