Silleda, 5 de outubro de 2013. A Concellería de Cultura de Silleda, que dirixe Margarita Campos, ven de anunciar a oferta de cursos e actividades para os centros sociais das parroquias. A oferta destaca pola súa variedade, con 19 modalidades diferentes.
Así, ademais de actividades xa clásicas no municipio tamén se ofertan outras novidosas. Na lista figuran actividades relacionadas co exercicio físico, como son as de aerobic-baile, Pilates, bailes de salón e ximnasia de mantemento. Tamén se ofertan outras relacionadas coa creación e expresión artística (teatro, pintura e fotografía); ademais de manualidades, calceta e tamén un curso de cociña.
No ámbito da artesanía, destacan dous ciclos, o de cestería e coiro, así coma un de flores de papel , centros con material reciclado ou arte floral con flor artificial.
O listado de cursos tamén inclúe outras actividades relacionadas co cultivo e a horta. Así, neste grupo ademais do curso de poda e propagación de plantas, que tivo un grande éxito nos últimos anos, tamén se oferta un curso de horticultura ecolóxica, un básico de fruticultura e outro de instalación e mantemento de xardíns.
O prezo, para todos os casos é de 15 euros por persoa ao mes. Todas aquelas persoas residentes no rural que estén interesadas en participar deben de chamar ao departamento de Cultura (986 581028) ou ben poñerse en contacto coa asociación vecinal/cultural da súa parroquia.
Dende o departamento municipal de Cultura remitirase ás asociacións do rural información sobre todo o programa de cursos, que ademais teñen un número mínimo de persoas para poder celebrarse.
“Trátase dunha oferta moi variada, con actividades que cremos que lle poden interesar aos veciños e veciñas das parroquias, e que inclúe ademais novidades respecto a outros anos”, sinala Margarita Campos, lembrando que con esta iniciativa tamén se dinamizan os centros sociais das parroquias.