Silleda, 4 de outubro de 2013. O departamento municipal de Deportes, que dirixe o concelleiro Klaus Brey, está a realizar traballos de renovación nos vestiarios do campo de fútbol de Outeiriño, en Silleda. Logo do pintado das paredes, nestes días estase a proceder á colocación de novo mobiliario. Así, nos dous vestiarios haberá colgadores e tamén bancos de madeira. “Con esta dotación melloramos de forma considerable estas instalacións, que estaban bastante deterioradas”, explica Brey.
Ademais tamén se está a arranxar o canalón situado xusto á entrada dos vestiarios, que debido ao seu deterioro tamén viña ocasionando problemas nos días de choiva.
O concelleiro de Deportes adianta que nos vindeiros días tamén se procederá a pintar as paredes exteriores dos dous vestiarios. Deste xeito, dende o Concello acométense melloras para a tempada que acaba de comezar.
O campo de fútbol de Outeiño é unha das instalacións deportivas con máis actividade do termo municipal, xa que ademais de ser utilizado por distintos equipos tamén acolle os encontros e entrenamentos da Escola de Fútbol Silleda, con máis de 100 alumnos.