Silleda, 26 de agosto de 2015. A Xunta de Goberno Local de Silleda aprobou onte martes a proposta da concelleira de Educación e Benestar Social, Pili Peón, as bases que regulan a concesión de becas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autonóma
O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para todo o curso 2015/2016. Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda (alomenos un ano antes da publicación das bases), e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a renda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.
A diferencia de anos anteriores, e ao igual que aconteceu xa o pasado ano, as axudas serán con ingreso directo na conta bancarias dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días naturais a contar dende a publicación das bases na web municipal. Dado que a publicación se realiza con data de hoxe, o prazo remata o vindeiro día 10 de setembro.
As solicitudes deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2014, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.
Estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal de 2015 que se aprobouo pasado mes de xuño.
Axudas para material escolar
Por outra banda, na mesma sesión o goberno local aprobou tamén as bases que rexerán as axudas complementarias para que as familias con poucos recursos poidan completar os gastos destinados a mercar libros e material escolar, que non lle cubre o vale concedido pola Xunta de Galicia.
As condicións e requisitos desta convocatoria tamén poden consultarse na web municipal, coa normativa que rexerá as axudas, como os formularios que deben de cubrir as persoas interesadas que cumpran os requisitos estabrecidos.
Serán beneficiarias aquelas familias que precisan de protección especial ou con todos os seus membros en situación de desemprego, con alumnos/as que cursen estudos de Primaria ou ESO.
As solicitudes poden recollerse no departamento de Benestar Social (ou descargarse tamén da web) e unha vez cubertas deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas, tamén ata o vindeiro 10 de setembro. As persoas beneficiarias das axudas recibirán un vale coa achega necesaria que lles entregarán en Benestar Social, para canxear nas librerías do municipio de Silleda que vendan material escolar.
**Nos arquivos adxuntos pódense consultar as bases e dispoñer dos anexos.
- BASES TRANSPORTE UNIVERSITARIO 2015-16
- ANEXOS AXUDAS TRANSPORTE UNIVERSITARIO
- BASES AXUDA LIBROS 2015 (2)
- ANEXO I LIBROS E MATERIAL ESCOLAR
- ANEXO II LIBROS E MATERIAL ESCOLAR