-Este ano prestarase o servizo en A Bandeira logo de acadarse 26 solicitudes
Silleda, 30 de maio de 2016. A Concellería de Educación do Concello de Silleda, que dirixe Pili Peón, ven de confirmar a prestación do servizo de Campamento de Verán do Servizo Lúdico Educativo en A Bandeira, logo de que o pasado venres se cerrase o prazo para a presentación de solicitudes, e se acadasen 26 participantes.
O campamento, dirixido a alumnos e alumnas de primaria, de entre 3 a 12 anos, contará con diversas actividades lúdicas e tamén deportivas, e desenvolverase no CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira dende que remate o curso escolar en xuño ata a véspera de inicio do curso escolar 2016-2017, en setembro. O horario do servizo será de 09.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 20.00 horas, de luns a venres.
As taxas aboaranse segundo a renda per cápita mensual, oscilando o custe por mes entre os 30 euros (para as rendas máis baixas) e os 90 euros para as máis altas.
Aos participantes que non estean empadroados/as en Silleda abonarán o custe total, ao non aplicárselles reducións previstas na ordenanza que regula este servizo.
“Dende a Concellería de Educación queremos continuar ofertando este servizo de conciliación para as familias durante a época estival, cunha variada oferta de actividades para os nenos e nenas”, sinala a concelleira Pili Peón.
Lista de agarda para o Campamento en Silleda
Do mesmo xeito, dende mañá martes, abrirase un prazo para a inscrición nunha lista de agarda para o campamento de verán en Silleda, co fin de cubrir as posibles baixas que se vaian realizando nas prazas que xa están cubertas.
Para formalizar esta solicitude de agarda deberá de cumprimentarse unha ficha de inscrición e axuntar diversa documentación. Entregarase na Casa da Cultura de Silleda, onde tamén se resolverán dúbidas e se ofrecerá máis información sobre as actividades vía telefónica, chamando ao 986 581028.