Silleda, 16 de maio de 2014. A Concellería de Emprego de Silleda, que dirixe Pili Peón, informará e tramitará as inscripcións ás persoas que estén interesadas en particiar na formación práctica do proxecto de inserción sociolaboral aQuelando3, posto en marcha pola Deputación, e cofinanciado co Fondo Social Europeo.
En total ofértanse 40 prazas para a realización de 300 horas de formación práctica en catro especialidades formativas: atención sociosanitaria a persoas no domicilio, a persoas dependentes en institucións sociais; limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais; e dinamización de actividades de tempo libre infantil e xuvenil.
A participación é gratuíta e as persoas que se anoten poderán ter dereito a percibir unha bolsa de formación.
Entre os requisitos para participar figura o estar inscrito como demandante de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, estar empadroado nalgún concello da provincia (a excepción de Vigo e Pontevedra), ter formación regrada ou ocupacional, de alomenos 300 horas teóricas relacionadas coas especialidades formativas nas que se queren facer prácticas (no caso das dúas ramas de atención sociosanitaria e na dinamización de actividades de tempo libre) e alomenos 200 horas teóricas no caso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais.
As persoas interesadas e que cumpran os requisitos deberán de pasar despois por un proceso de selección realizado polo persoal técnico do programa para acceder ás bolsas.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 31. Todas aquelas persoas que queiran inscribirse poden facelo na Casa da Cultura de Silleda (de 08.00 a 15.00 horas).
Dende o departamento de Emprego, e a fin de facilitar a tramitación ás persoas que están en situación de desemprego, realizarase a xestión das solicitudes, entregando os formularios ás persoas interesadas. “Consideramos que deste xeito dende o Concello lles podemos facilitar os trámites, ademais de aforrar os custes de envío”, sinala a concelleira.
Na Casa da Cultura tamén se informará da documentación que deben de acompañar as solicitudes, e que pode consultarse tamén no Boletín Oficial da Provincia do pasado luns día 12 de maio.