A Concellería de Emprego organiza un obradoiro práctico de informática e Internet aplicados ao rural

 

Silleda, 30 de abril de 2015. A Concellería de Emprego de Silleda, que dirixe Pili Peón, organiza o vindeiro martes día 12 de maio un obradoiro práctico de informática e Internet aplicados ao Medio Rural.

Esta actividade, dirixida a traballadores/as do sector agrogandeiro, está enmarcada no IV Plan de Acompañamento do Sector Agrario Alimentario e Turístico, que se financia con fondos de Agader.

Así, e en colaboración co GDR Terras do Deza, a concellería de Emprego fai esta convocatoria, cunha duración de 6 horas e un carácter eminentemente práctico.

A cita será de 09.00 a 15.00 horas na Aula Informática da Casa da Cultura de Silleda, con varios módulos formativos.

Así, ademais de conceptos básicos de informática, os asistentes tamén recibirán sesións prácticas no manexo de correo electrónico, Internet, e realizarán aplicacións prácticas aos servizos ligados ao medio rural.

O curso é gratuito e as persoas interesadas deben de formalizar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello, onde se lle facilitará un impreso específico. As prazas están limitadas ao foro da aula (10 prazas) e os inscritos admitiranse por orde de inscrición.