Silleda, 28 de agosto de 2013. A Concellería de Medio Rural de Silleda, que dirixe Klaus Brey, está a elaborar un proxecto para a mellora de diversos viais no municipio. Trátase dun programa amplo para a mellora de varias infraestruturas en distintas zonas do termo municipal, que se executará con cargo ao Plan de Investimentos da Deputación (PID) do vindeiro ano. Ao municipio de Silleda correspóndelle dentro deste programa provincial unha cantidade que ronda os 180.000 euros.
“Dende este goberno municipal queremos continuar co gran esforzo que vimos realizando na mellora de pistas no rural, polo que a maior parte do orzamento deste plan destinarase a obras en infraestruturas viarias”, sinala Klaus Brey. Así, o plan que está a elaborar a Concellería de Medio Rural estima unha inversión de 100.000 euros neste proxecto.
O concelleiro responsable da área leva semanas traballando na análise dos viais onde son precisas as reparacións máis urxentes. “Estamos a visitar distintos puntos do rural silledense para logo elaborar o proxecto definitivo de actuación”, sinala Brey, ao respecto deste ambicioso programa.
Así mesmo, o concelleiro destaca que “o actual equipo de goberno segue a realizar un gran esforzo no arranxo da rede viaria municipal” e lembra que en todos os programas de obras exectactos sempre se inclúen partidas orzamentarias que se destinan á mellora de pistas.