Silleda, 15 de abril de 2015. O departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de convocar a que será a cuarta edición do Concurso de Microcurtas e Microrrelatos para nen@s e moz@s. A temática deste ano será nos dous certames a integración social, baixo o lema “Collemos tod@s”. Así mesmo, nesta edición colabora tamén a Asociación de Comerciantes de Silleda ECOS.
O prazo para presentar os traballos abrirase o vindeiro luns día 20 de abril e rematará o venres 8 de maio.
No caso das microcurtas, que deben empregar o galego, non poden superar os 8 minutos, podendo ser ou non de ficción. O concurso está aberto a persoas maiores de 13 anos, empadroadas no concello de Silleda. Todos aqueles que desexen participar deben de enviar as súas creacións ao enderezo postal do Concello, en formato DVD PAL, ou entregalas na casa consistorial. Neste DVD deben escribir o título da curta e un pseudónimo e acompañar nun sobre pechado os datos persoais. Cada participante só poderá presentar un traballo.
O xurado, que dará a coñecer o seu fallo o xoves día 14 de maio, estará composto pola concelleira Margarita Campos e por dous profesionais do sector audiovisual. O gañador ou gañadora levará como premio unha tablet valorada en 100 euros; 1 vale de 25 euros para canxear en comercios asociaciados de ECOS (por xentileza do colectivo). Tamén recibirá 2 entradas para asistir ao espectáculo “Menú do día”, con Carlos Blanco e Luis Dávila o vindeiro 16 de maio.
Ademais, o centro educativo ao que pertenza, de ser o caso, recibirá un vale de 50 euros para mercar libros en galego en establecementos do municipio. De non tratarse dun alumno/a dun centro educativo, a Concellería de Normalización Lingüística entregará os libros á Campaña de Recollida de Material Escolar.
No caso dos Microrrelatos, ao igual que nas edicións anteriores estabrécense, dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e outra para persoas de 13 anos en adiante.
Neste caso, os textos, poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador (cun máximo de 500 caracteres) e tamén escrito a man (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais. Os traballos, ao igual que no caso das microcurtas deberán ser inéditos e non terse presentado a outros certames e tamén se deben remitir ao Concello de Silleda (rúa do Trasdeza, 55. 36540 Silleda)
Neste caso o xurado estará integrado pola concelleira e por dous profesionais dos medios de comunicación. O premio será para o gañador/a da categoría de 6 a 12 anos un e-book, ou libro electrónico, valorado tamén en 100 euros; e un vale de 25 euros por xentileza de ECOS.
Na categoría de 13 anos en adiante, ademais de un e-book tamén se entregarán outras dúas entradas para o espectáculo “Menú do día”. Tamén no caso de pertencer a centros educativos se entregarán vales para compra de libros, nas mesmas condicións reseñadas anteriormente.
“Con este certame queremos fomentar a creatividade ademais de contribuir ao uso do galego sobre todo entre a poboación máis nova. E ademais este ano co lema da integración social tamén estamos a axudar a concienciar á nosa mocidade sobre esta cuestión”, engade a concelleira. A orixinalidade e a creatividade dos traballos serán as liñas básicas para xulgar os traballos.
As bases dos dous certames poden consultarse no seguintes documentos adxuntos seguintes.