Silleda, 1 de abril de 2017. A Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Pili Peón, vén de convocar unha nova edición do Concurso de Microrrelatos. As bases foron aprobadas xa en xunta de goberno polo executivo local. O certame, que se vén celebrando xa dende hai 6 anos, está dirixido a todas as persoas maiores de 6 anos que estén empadroadas en Silleda.
Ao igual que en anos anteriores establécense dúas categorías: de 6 a 12 anos e de 13 anos en adiante. O lema deste ano é “Os contos do meu avó” e o xurado valorará a orixinalidade e creatividade dos textos, que deberán de estar escritos íntegramente en galego.
Poderán presentarse en dous formatos: escrito a ordenador (cun máximo de 500 caracteres) ou a man (cun máximo de 100 palabras). Presentaránse en DIN A 4, firmados con pseudónimo e metidos en sobre pechado no que se incluirá aparte datos do autor/a (nome, DNI, teléfono, enderezo…). O prazo ábrese este lunes día 3 de abril e rematará o vindeiro 5 de maio. Poden remitirse por correo ordinario ao Concello de Silleda (rúa do Trasdeza 55, cp 36540) ou entregalos no Rexistro Municipal.
Os gañadores ou gañadoras de cada categoría recibirán como premio unha tablet valorada en 100 euros e vales de compra de 20 euros para canxear en comercios do municipio de Silleda. Ademais, se pertencen a algún centro educativo do Concello de Silleda entregarase outro vale de 50 euros para mercar libros en galego para o citado centro, en establecementos do municipio.
O xurado encargado de elixir os traballos gañadores estará formado por profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística. O fallo darase a coñecer antes do 17 de maio, Día das Letras Galegas.
“O fomento da creatividade e do uso da lingua galega entre os máis novos seguen a ser os obxectivos desta proposta que cada ano conta con máis participación”, comenta a concelleira.
As bases do certame publicarase tamén na web municipal silleda.gal.